A Universidade de A Coruña aproba o Regulamento de creación dos Institutos Universitarios de Investigación

Actualizado: jueves, 20 julio 2006 21:07

A CORUÑA, 20 Jul. (EUROPA PRESS) -

O Consello de Goberno da Universidade de A Coruña aprobou no seu último encontro deste curso, ó Regulamento de creación, modificación e supresión dos Institutos Universitarios de Investigación.

Segundo recolle a nova norma, estes institutos son centros dedicados á investigación científica e técnica ou á creación artística e á docencia especializada, de posgrao e de doutoramento. Entre as súas funcións, terán capacidade para organizar e desenvolver programas de doutoramento e asesorar en cuestión científicas e técnicas no ámbito da súa competencia.

Os Institutos Universitarios de Investigación poderán ser propios da UDC, interuniversitarios, adscritos á UDC ou concertados. Este centros terán que elaborar unha memoria anual de actividades, na que se recollan os membros do Instituto, as actividades desenvolvidas, os proxectos, convenios e contratos financiados, as publicacións e traballos científicos levados a cabo e os ingresos e gastos efectuados durante o ano anterior.

Este documento será examinado, no mes de outubro, pola Comisión de Investigación que dará conta ao Consello de Goberno, do cal dependen orgánicamente os Institutos Universitarios de Investigación propios da UDC.

O regulamento recolle nos seus catro títulos un total de 27 artigos nos que se especifican as normas de funcionamento interno, así como o proceso de creación, modificación e supresión deste centros, entre outras cuestións.

O Consello de Goberno deu, ademais, pasos importantes no avance da redacción do Plano Estratéxico da UDC, coa incorporación de varias enmendas realizadas polas comisións que traballan no tema.

Entre os outros puntos da orde do día, aprobáronse os regulamentos internos da Facultade de Ciencias da Saúde, da Escola Técnica Superior de Náutica e Máquinas, da Escola Universitaria Politécnica e dos departamentos de Enerxía e Propulsión Mariña, de Tecnoloxía da Información e as Comunicacións, de Dereito Privado e de Química Fundamental.

DOS NOVOS MÁSTER

Na orde do día, aprobouse, ademais, o proxecto de implantación de dous novos mestrados para o Máster Executivo en Administración de Empresas, especialidade en Transporte Marítimo e Arquitectura da Paisaxe Juana de Vega.

O primeiro deles, dirixido polo catedrático Fernando González Laxe, está adscrito ao Instituto Universitario de Estudos Marítimos e coorganizado pola Universidad Latina (Panamá) e Maritime & Logistics Consulting Group S.A. (Panamá). Con carácter semipresencial, impartirase nas dúas universidades cunha duración de 75,2 créditos.

O obxectivo é proporcionar aos participantes unha especialización no ámbito do transporte internacional en áreas como fletamentos, seguros e operacións marítimas. Está dirixido a licenciados en Ciencias Económicas e Empresariais, en Náutica, Enxeñeiros e profesionais con titulación universitaria que desempeñen a súa actividade no sector marítimo con experiencia demostrable.

O Máster en Arquitectura da Paisaxe Juana de Vega organízase conxuntamente coa Fundación Juana de Vega e a Universidade de Santiago de Compostela e impartirase en ambas universidades. Estará dirixido pola profesora Julia Fernández de Caleya Blankemeyer está estruturado en 71,5 créditos a desenvolver en dous cursos académicos con carácter presencial.

A este máster poderán acceder os titulados universitarios de segundo ciclo, con especial orientación a carreiras de carácter técnico, así como os titulados en grao medio que acrediten tres anos de experiencia profesional. O obxectivo académico responde á necesidade de formación de profesionais na arquitectura da paisaxe, abarcando a planificación da paisaxe, análise e deseño, uso da vexetación e proxectos de infraestuturas de paisaxe urbana e cultural.