A Universidade da Coruña convoca de novo o programa Uniporta para facilitar ao estudantes a adquisición de portátiles

Actualizado: miércoles, 12 abril 2006 22:40

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 12 Abr. (EUROPA PRESS) -

A Universidade da Coruña (UDC) porá en marcha o próximo día 17 de abril unha nova edición do programa Uniporta, co que se facilita a adquisición de ordenadores portátiles aos estudantes e que se desenvolverá grazas a un convenio de colaboración das universidades galegas coa Consellaría de Innovación.

Nas catro campañas anteriores, a UDC subvencionou 1.872 portátiles, de xeito que nove de cada 100 estudantes mercaron un destes ordenadores dentro dalgunha das quendas de Uiporta. Na campaña do outono de 2005, a UDC ocupou o segundo lugar das universidades españolas na adquisición de portátiles subvencionados.

Nesta ocasión, os alumnos poderán adquirir ata o día 30 de xuño un dos dous equipos do programa, cada un dos cales se axusta ás necesidades dun perfil de estudantes. Un deles, neste caso un Lenovo 300 C100, está pensado para o traballo ofimático de universitarios sen outras necesidades específicas, e o seu prezo será duns 550 euros.

O outro, de gama alta, é un Lenovo 300 N100, que posibilita o cálculo avanzado e permite traballos de deseño, arquitectura, enxeñaría ou multimedia. Os alumnos terán que pagar neste caso ao redor de 1.000 euros.

O programa Uniporta incorpora nesta campaña un terceiro equipo ofertado para PAS e PDI que, a pesar de non contar coa subvención da consellería, poderá ser adquirido a un prezo competitivo, 1.676 euros. Trátase tamén da marca Lenovo, pero as súas prestacións son máis altas.