A Universidade de Santiago de Compostela edita en galego a súa guía do patrimonio histórico

Actualizado: martes, 6 junio 2006 22:30

Dende o comezo do programa Universidade Viva máis de 5.000 persoas participaron nas visitas guiadas polos espazos emblemáticos da USC

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 6 Jun. (EUROPA PRESS) -

A Universidade de Santiago (USC) editou a edición en galego da guía e DVD do patrimonio histórico da institución académica compostelana para promover a posta en valor do patrimonio.

O director xeral de Turismo, Rubén Lois; a vicerreitora de Estudantes e Relacións Institucionais, Elena Vázquez; e o concelleiro de Turismo de Santiago, Francisco Candela; presentaron hoxe na Biblioteca América a edición en galego da guía. A presentación contou, ademais, coa presenza do xerente de Turismo de Santiago, Iñaki Gaztelumendi; da coordinadora do programa Universidade Viva, Lanzada Calatayud; e dun dos guías de Universidade Viva, Juan Rico.

Na guía, un texto a cor de 72 páxinas que ata agora estaba editada en castelán e inglés, relátase a orixe, historia e importancia do patrimonio universitario, espazos que ata o momento permanecían pechados ao público e que se abriu en 2003 co programa Universidade Viva.

Esta iniciativa facilita o acceso a unha nova oferta cultural cunha ruta guiada polos lugares máis significativos da institución dentro do casco histórico. A Universidade de Santiago únese así ás políticas de diversificación cultural da cidade mediante unha das súas accións máis representativas, a posta en valor do patrimonio.

HORA E MEDIA

Nunha hora e media de duración os visitantes poden apreciar desde os salóns máis nobres da institución, pasando polas bibliotecas máis emblemáticas -a Biblioteca América ou o Salón de Lecturas da Facultade de Xeografía e Hstoria-, percorrendo espazos de enorme carga simbólica como o claustro e interiores dos Pazos de Fonseca ou o Paraninfo da Universidade para rematar na terraza da Facultade de Xeografía e Historia, desde onde se pode contemplar unha das vistas máis espectaculares da cidade de Santiago.

As visitas teñen, ademais, o valor engadido de ser dirixidas por investigadores de terceiro ciclo dos departamentos de Historia da Arte e Xeografía, dispostos a amosar os tesouros tanto artísticos coma históricos que a centenaria institución garda e que sempre tiveron un papel fundamental na historia, a arte e o desenvolvemento socio-económico da cidade.

Desde a súa posta en marcha realizaron estas visitas de Universidade Viva máis de 5.000 persoas, das que a metade procedían dalgúns dos congresos que se celebran na cidade, o 30 por cento correspóndese con visitas institucionais e o 20% destes visitantes foron turistas. Na actualidade a USC estuda a posibilidade de incluir o Museo Luis Iglesias na ruta do patrimonio histórico da universidade así coma a preparación dunha nova ruta sobre o patrimonio arquitectónico contemporáneo.

A campaña de verán do programa de visitas Universidade Viva comezará o vindeiro luns 19 de xuño. Se durante todo o ano as visitas teñen lugar unha vez á semana, desde ese día e ata finais de setembro éstas serán de luns a sábado en diversos horarios.