Uns 300 investigadores asistirán a vindeira semana en Santiago á primeira reunión da comunicación lusófona en Galicia

Actualizado: miércoles, 12 abril 2006 21:05

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 12 Abr. (EUROPA PRESS) -

A VII edición do Congreso da Federación Lusófona de Ciencias da Comunicación, Lusocom2006, reunirá durante tres días dende o vindeiro 20 de abril por primeira vez en Santiago de Compostela a máis de 300 profesionais e investigadores da área lusófona que poñerán en común os últimos avances na investigación e na produción audiovisual.

Durante o evento trataranse as últimas tendencias dende o punto de vista da producción e da investigación xornalística e audiovisual sobre a Internet, os novos profesionais, o rol do xornalista na sociedade e as saídas profesionais dos futuros licenciados entre outros.

O Congreso celebrarase na Facultade de Ciencias da Comunicación organizado pola Asociación Galega de Investigadores en Comunicación e mostrará por primeira vez en Galicia o filme do director ourensán Carlos Velo 'Terra do chicle', cedido en exclusiva para dito evento.

Esta será a primeira ocasión na que a cinta do director ourensán se exhibirá na comunidade galega, despois de ser proxectada nunha homenaxe ó ex presidente mexicano Lázaro Cárdenas na Filmoteca Nacional, en Madrid, en outubro do 2005.

A exhibición de 'Terra do chicle' realizarase o xoves 20 de abril ás seis da tarde, día no que terá lugar a inauguración da Feira de produtos audiovisuais da lusofonia na Facultade de Ciencias da Comunicación de Santiago de Compostela.

A coordinadora do Lusocom, Margarita Ledo, sinalou que 'Terra do chicle' de Velo "activa todas as constantes da historia realista e da súa devoción ao heroe que enfrenta dificultades, que pasa por situacións que poden modificar o seu destino e que acada, na fin, a compensación".

Este documentario fala do perigo dos traballos na selva e a explotación do suor dos chicleros por parte das multinacionais estranxeiras, mentres se clama por un México próspero que venza ás forzas da natureza. A escena primeira serve para apresentar cada personaxe, o protagonista e a súa muller -unha parexa de xente moza, dinos a voz do narrador-, e o antagonista, o contratador, nun xogo de planos e contraplanos onde o modo de filmar este último se connota coa dirección da iluminación, dende o ángulo inferior dereito.

Carlos Velo realiza no filme unha crítica aos abusos das multinacionais estranxeiras nas terras mexicanas e unha defensa do nacionalismo marxista. O cineasta galego leva a esta película a súa máxima do cine como o instrumento máis poderoso do seu tempo para a intercomunicación entre os homes e a propaganda.

A cinta forma parte dunha ampla colección do museógrafo, pintor, cineasta e promotor cultural mexicano Fernando Gamboa, quen reuniu durante a súa vida filmes sobre a Guerra Civil española, así como documentais alusivos ó muralismo.