Uns 3.000 alumnos de 60 centros galegos participaron no programa 'Audiovisual nas Aulas 2005'

Actualizado: martes, 25 abril 2006 19:59

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 25 Abr. (EUROPA PRESS) -

Uns 3.000 alumnos de 60 centros educativos de educación Infantil, Secundaria e Bacharelato participaron na terceira edición do programa 'Audiovisual nas Aulas 2005', segundo sinalou hoxe a directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, María José Pérez Mariño, que entregou material audiovisual ás escolas participantes.

No decurso dun acto celebrado hoxe no Instituto de Educación Secundaria (IES) Illa de Arousa, María José Pérez Mariño valorou os resultados da iniciativa e anunciou que o vindeiro ano porase en marcha unha nova fase deste programa denominada 'Iniciación ás Novas Tecnoloxías'.

Durante a súa intervención, María José Pérez Mariño fixo referencia aos 3.000 alumnos participantes neste programa, distribuídos nas tres fases das que consta a iniciativa e valorou o obradoiro de animación, enmarcado en Iniciación á Animación, no que participaron 1.215 alumnos.

Tralo acto, ao que tamén asistiron o alcalde da Illa de Arousa, José Manuel Vázquez, e o coordinador do programa, Miguel Anxo Fernández, os centros participantes recibiron un lote de produtos audiovisuais con filmes galegos, entre os que se atopa 'O alquimista impaciente' de Patricia Ferreira e 'Trece Badaladas' e 'Finisterre', de Xavier Villaverde; xunto cunha bibliografía audiovisual co fin de animar aos responsables dos centros a crear nas bibliotecas unha sección específica centrada no audiovisual.

O proxecto Audiovisual nas Aulas púxose en marcha en 2003 e esta foi a terceira edición do mesmo. Esta iniciativa aplicouse este ano en 20 novos centros, polo que, sumados aos das dúas primeiras edicións, en 2005 'Audiovisual nas Aulas' estivo presente en preto de 60 centros galegos que participaron nas distintas fases do proxecto: iniciación á televisión; á animación e ao audiovisual.

'Iniciación á televisión' foi a nova fase do proxecto 'Audiovisual nas Aulas' e aplicouse nos centros que xa participaron nas dúas primeiras edicións. A finalidade deste programa consistiu en ensinar aos nenos a ver televisión, xa que é o medio de comunicación maioritario na sociedade, sobre todo entre os menores.

Esta nova fase contou con unidades didácticas, que se distribuiron a todos os alumnos; a edición dun póster didáctico; monitores especializados, un por cada centro; e demostracións prácticas no centro en colaboración coa Compañía de Radiotelevisión de Galicia (CRTVG).