A USC convértese na primeira universidade española en incorporarse á asociación European University Information Systems

Actualizado: viernes, 20 enero 2006 21:25

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 20 Ene. (EUROPA PRESS) -

A Universidade de Santiago (USC) incorporouse á asociación 'European University Information Systems' (Eunis) e se converte así na primeira universidade española que forma parte desta asociación, considerada a mellor de Europa de sistemas de información en educación superior.

Este organismo foi fundado no ano 1993 e aglutina a máis de 70 membros de 22 países europeos, ademais de Israel e Estados Unidos. Na asociación danse cita institucións universitarias, centros de investigación, así como asociacións e organismos destes eidos.

Eunis pretende alentar o establecemento de vías de comunicación e colaboración entre os responsables dos sistemas de información nas institucións de educación superior, centros de investigación e organizacións afíns no ámbito xeográfico europeo.

Ademais, quere fomentar o establecemento de enlaces cos principais subministradores neste campo, así como con organizacións co obxecto de deseñar a axenda estratéxica para os sistemas de información no ensino superior e no eido investigador tanto nos ámbitos estatal coma europeo.

A principal actividade de Eunis é a celebración da súa Conferencial Anual á que se engaden outras accións específicas como seminarios monográficos, un premio á Excelencia, publicacións e programas de intercambio. A última sede, ata o de agora, da súa Conferencia Anual foi en Manchester no ano 2005 e a ela asistiron máis de 500 delegados de 30 países de todo o mundo.

A próxima cita de Eunis para o presente ano é a celebración dunha conferencia de reitores de universidades europeas, a celebrar en París no mes marzo e na que está prevista a participación do reitor da USC, sobre o impacto das Tecnoloxías da Información e das Comunicacións no deseño do novo Espazo Europeo de Educación Superior.

Asemade, neste ano 2006, Eunis celebrará unha nova edición da súa Conferencia Anual, nesta ocasión en Tartu (Estonia), baixo o lema 'Está a tecnoloxía da información dando forma ao futuro do ensino superior'.

Pola súa banda, a USC convidou ao secretario executivo desta asociación europea, Martin Price, a participar na próxima xuntanza que o Grupo TIC da Conferencia de Reitores de Universidades Españolas (CRUE) vai celebrar en Oviedo o vindeiro 21 de febreiro.

Nesta xuntanza, o secretario executivo de Eunis fará unha ponencia de presentación na que esbozará as liñas da asociación. Neste senso, outras universidades españolas xa iniciaron os trámites para formalizar a súa incorporación a este organismo europeo.