A USC iniciará o curso 2006-2007 a impartición de nove Programas Oficiais de Posgrao para obter o título Máster e Doutor

Actualizado: lunes, 8 mayo 2006 21:06

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 8 May. (EUROPA PRESS) -

A Universidade de Santiago (USC) oferta para o vindeiro curso académico 2006-2007 un total de nove Programas Oficiais de Posgrao (POP) cos que a institución académica compostelá dá un paso a prol do pleno desenvolvemento do Espazo Europeo de Educacación Superior (EEES) e que conducirán á obtención de títulos de Máster e Doutor.

Os programas ofertados son os de Ciencia e Tecnoloxía Química, Enxeñaría Química e Ambiental, Enxeñaría Biotecnolóxica, Servizos Culturais, Dirección e Planificación do Turismo, Historia Contemporánea, Métodos Matemáticos e Simulación Numérica en Enxeñaría e Ciencias Aplicadas, Neurociencias, e Xerontoloxía.

No futuro, e dacordo coas directrices para a definición do EEES, as ensinanzas universitarias conducentes á obtención de títulos de carácter oficial e validez en todo o territorio nacional comprenderán estudos de grao e de posgrao estruturados en ciclos, correspondendo os de grao ao primeiro ciclo.

Pola súa banda, os de posgrao teñen como finalidade a especialización do estudante na súa formación académica, profesional ou investigadora e artéllanse en programas integrados polas ensinanzas para a obtención dos títulos de Máster ou Doutor.

Para cursar estes programas, os futuros alumnos deberán ser titulados ou posuír un título de grao, ter superados os créditos do primeiro ciclo das actuais titulacións de dous ciclos ou acreditar ter superados 180 créditos dos estudos de grao cando nestes estean comprendidos os contidos formativos comúns do título de grao. Paralelamente, a universidade poderá fixar as preferencias de titulacións para cada programa así como cotas en función do título de procedencia.