Un equipo de investigación de Galicia desenvolve unha ferramenta para detectar tecnoloxía sanitaria obsoleta

Actualizado: martes, 3 marzo 2009 19:28

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 3 Mar. (EUROPA PRESS) -

Un equipo de investigación da Axencia de Avaliación de Tecnoloxías Sanitarias de Galicia presentará no XIII Congreso da Sociedade Española de Saúde Pública e Administración Sanitaria (Sespas), que se celebra esta semana en Sevilla, unha ferramenta que servirá para identificar tecnoloxía sanitaria que quede obsoleta.

Segundo explicaron os investigadores, o sistema sanitario está actualmente "falto dun mecanismo a través do cal analizar se a maquinaria queda desfasada", polo que a citada axencia poderá establecer unha "metodoloxía acertada" a través de cinco determinadas fontes de consulta.

Desta forma, a Axencia de Avaliación de Tecnoloxías Sanitarias de Galicia estableceu un total de cinco fontes útiles, divididas en activas e pasivas, "que en conxunto poden servir para detectar se unha maquinaria se atopa obsoleta".

As activas son, segundo indicou, consulta directa da literatura científica en bases de dato; utilización da base de datos Euroscan, onde figuran as tecnoloxías que se cre que serán substituídas por unha nova tecnoloxía; revisión sistemática dos informes de avaliación das tecnoloxías sanitarias para estudar as deficiencias das tecnoloxías de comparación fronte ás novas tecnoloxías que se avalían; e a consulta da normativa vixente onde as actualizacións da carteira de servizos nacional e autonómica fixan as tecnoloxías que se van substituír.

En canto ao mecanismo pasivo, a citada axencia estableceu como tal as redes de detección de tecnoloxías obsoletas similares ás das tecnoloxías emerxentes, nas que os clínicos notificarían ás axencias as posibles tecnoloxías obsoletas.