A Fonsagrada (Lugo) converterase en 2008 no primeiro punto de Galicia que experimentará o apagamento analóxico

Actualizado: viernes, 18 mayo 2007 22:37

Supón adiantar en dous anos o apagamento, que será unha realidade no conxunto de Galicia no exercicio 2010

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 18 May. (EUROPA PRESS) -

O municipio lucense da Fonsagrada converterase no primeiro punto de Galicia en 2008 no que se experimentará o apagamento analóxico para dar o salto á tecnoloxía dixital.

Así o anunciou hoxe o secretario xeral de Comunicación, Fernando Salgado, durante a presentación do plan piloto do adianto do apagamento das emisións de televisión en analóxico que desenvolve o departamento de Comunicación Audiovisual.

Salgado explicou que se trata dun proxecto pioneiro en Galicia, e precisou que só existe unha experiencia similar en Soria, "pero non contaba coa envergadura desta". "Representa un verdadeiro desafío tecnolóxico e loxístico", afirmou.

Deste modo, A Fonsagrada será o primeiro concello galego en contar coa televisión dixital, converténdose na "illa dixital galega", mentres esta tecnoloxía non chegue ao resto de municipios da comunidade.

CATRO FASES

O secretario xeral de Comunicación comentou na presentación que o proxecto se desenvolverá en catro fases que se corresponden con diferentes graos de cobertura.

A primeira está finalizada en outubro deste ano, conseguindo que a cobertura dixital alcance o 85%. A segunda concluiría en decembro, co 90%; e en febreiro de 2008 finalizará a terceira, co 96%, para que en marzo do próximo ano se alcance o 98%, e se realice o apagamento analóxico.

A experiencia da Fonsagrada supón adiantar en dous anos o apagamento analóxico, que será unha realidade no conxunto de Galicia no exercicio 2010, data na que a Televisión Dixital Terrestre (TDT) alcanzará o 98% da comunidade.