Industria presenta mañá a convocatoria de axudas en I+D+i cun orzamento de máis de 100 millóns de euros

Actualizado: miércoles, 2 mayo 2007 20:26

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 2 May. (EUROPA PRESS) -

O director xeral de I+D+i da Consellería de Innovación e Industria, Salustiano Mato, presentará mañá na Fundación Empresa Universidade-Galega (FEUGA) de Santiago de Compostela a convocatoria de axudas de I+D+i para 2007, que contará cun presuposto de máis de 100 millóns de euros.

Así o explicou hoxe a Xunta de Galicia nun comunicado de prensa no que se especificou que estas xornadas técnicas están dirixidas a facilitar información aos axentes públicos e privados das distintas áreas de Galicia.

Deste modo, a presentación destas axudas continuará o martes 8 de maio a Confederación Empresarial de Ourense ás 12.30 horas; no Club Financeiro de Vigo e no Edificio Administrativo de Monelos (A Coruña) ás 19.00 horas da tarde.

Así mesmo, o conselleiro de Innovación e Industria, Fernando Blanco, e Salustiano Mato presentaron a semana pasada as "primeiras e principais" convocatorias destas axudas e que destinarán 64,72 millóns de euros ao fomento da innovación empresarial e da propiedade industrial; a promoción xeral da investigación e a programas sectoriais de investigación aplicada, entre outros proxectos.

Estas axudas económicas complétanse coa contía de 35 millóns de euros destinados á dinamización da innovación e á comunicación e sensibilización social.

Ademais de promover a formación no ámbito da innovación con estas xornadas, o departamento de Fernando Blanco pretende que as subvencións "animen" aos axentes galegos na creación de proxectos I+D+i.