Ingeo investiga a posibilidade de usar enerxía xeotérmica en instalacións de calefacción e aire acondicionado

Actualizado: sábado, 17 mayo 2008 19:51

Galicia "encabeza" esta investigación, posto que a xeotérmica é "unha das enerxías renovables máis importantes" da Comunidade

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 17 May. (EUROPA PRESS) -

A empresa Ingeo, afincada no Parque Tecnolóxico de Galicia en Ourense, lidera unha investigación sobre as posibilidades de aproveitamento da enerxía xeotérmica dos chans galegos en dispositivos de calefacción e aire acondicionado.

Para o estudio que se está a levar a cabo conta coa colaboración do Departamento de Enerxía dos Recursos Naturais e do Medio Ambiente, da Universidade de Vigo, do Laboratorio Oficial de Metroloxía de Galicia e da compañía Sondeos Ourense.

Ademais, o citado proxecto recibe un financiamento de 210.000 euros da Consellería de Innovación e Industria a través do Programa de Recursos Enerxéticos e Mineiros, no marco do Plan Galego de I+D+i.

Segundo os responsables do proxecto, "non existen precedentes" dunha investigación destas características, polo que Galicia "encabezaría" a investigación na tecnoloxía de instalacións xeotérmicas.

Así mesmo, os responsables incidiron en que o "interese" do estudio radica "na posibilidade de que as instalacións de calefacción se alimenten con enerxías renovables", sendo a xeotérmica "unha das posibilidades máis importantes para Galicia debido á súa xeoloxía e ao seu clima".

DEZ ANOS DE AFORRO ENERXÉTICO.

O equipo de Ingeo explicou que unha instalación destas características se incrementa aos nove ou dez anos, sempre que a instalación e as súas características sexan correctas. Non obstante, se é máis pequena do necesario, por exemplo, a bomba de calor xeotérmica ou a caldeira poden deixar de funcionar aos cinco anos.

Por iso, é importante coñecer os datos reais das características xeolóxicas da parcela para realizar boas instalacións, tanto en grandes edificios --hoteis, edificios de oficinas-- como en pequenas construcións, como vivendas unifamiliares.

LIÑAS DE INVESTIGACIÓN.

A investigación ten dúas liñas básicas. Unha xeotérmica, para estudar as capacidades para producir enerxía térmica dos chans de Galicia; e outra xeofísica, para a caracterización dos materiais que os compoñen.

Mediante a primeira mídese a temperatura e a condutividade térmica do chan e a súa finalidade é o uso da enerxía xeotérmica en instalacións de climatización, tanto de aire acondicionado coma de calefacción.

Pola súa banda, a liña xeofísica permite unha caracterización do chan polo comportamento dos seus materiais, o que permitirá a interpretación litolóxica dos materiais e a obtención de información sobre a súa densidade, porosidade e radioactividade, entre outros.