Investigadores da Universidade de Vigo dan cunha enzima útil na produción de biodiésel e medicamentos

Actualizado: domingo, 12 julio 2009 13:37

Ultiman a venda da patente a unha empresa química e cren que en seis anos a produción limpa de enerxía dará resultados comerciais

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 12 Jul. (EUROPA PRESS) -

Un grupo de investigadores da Universidade de Vigo identificou unha enzima --proteína que cataliza reaccións químicas-- útil para a produción de biodiésel e medicamentos como o ibuprofeno ou o tratamento do alzheimer, aplicacións que estudan nestes momentos.

O coordinador dos traballos, o profesor de Química Analítica e Alimentaria da facultade de Ciencias do campus de Ourense, Lorenzo Pastrana, ultima agora a venda da licenza da patente da lipasa --enominación da clase de enzima descuberta-- a unha empresa química.

En declaracións a Europa Press, Pastrana viu factible que en seis anos a patente teña "resultados comerciais", na explotación desta fórmula como vía para producir unha enerxía limpa a partir, por exemplo, do aceite de xirasol. Actualmente, o biodiésel obtense a través de produtos químicos que xeran residuos.

O achado da universidade ten a súa orixe, concretamente, nunha bacteria que pode nacer e desenvolverse en augas a temperaturas "tan altas" que ten a "rarísima habilidade" de producir enzimas extremofílicas, é dicir, proteínas capaces de actuar en condicións ambientais severas, segundo explicou Pastrana, en declaracións a Europa Press.

"SUPERMÁN DAS ENCIMAS"

Este microorganismo --un "bicho", como o cualificou o especialista en química-- pode crecer ata a 100 graos centígrados e atópase, por exemplo, na auga das Burgas, un manancial de augas termais da provincia ourensana.

Segundo destacou, a lipasa é "o supermán das encimas", xa que pode actuar e, de feito, funciona, "onde outras cascan". O seu obxectivo é catalizar reaccións químicas e a característica que a distingue doutras enzimas é que é "máis respectuosa ambientalmente", resaltou.

Así, o funcionamento desta molécula --que a xente usa todos os días, por exemplo, nos deterxentes--, consiste na ruptura das graxas, o que provoca que se liberen ácidos graxos. Precisamente, esa é a reacción que se usa para facer biodiésel e que, ao ser un proceso químico, ten a súa parte contaminante.

A posibilidade de utilizar a lipasa para a produción limpa de biodiésel ou medicamentos é a que levou aos investigadores de Vigo a interesarse pola clonación do xene do microorganismo. Nesta tarefa recibiron a axuda de profesionais de A Coruña.

"Cuns colegas, conseguimos clonar o xene do bicho mediante técnicas moleculares para levalo a outra bacteria onde a enzima se fabrica en maior cantidade", apuntou o profesor de Ourense. A bacteria en cuestión é unha especie de fermento de panadaría "co cal é máis doado que se reproduza", engadiu.

SIMILAR AO DETERXENTE

A produción de biodiésel a partir de lipasas segue un mecanismo "similar" ao dos deterxentes na limpeza, que o que fan é "romper a unión do ácido e a glicerina", sinalou. Desta forma, o ácido graxo é arrastrable e pasa á auga, mentres a graxa se solubiliza.

Para lograr o biodiésel, "faise o mesmo", detallou Pastrana, pero no momento de romper a unión substitúe a glicerina por metanol. Esta achega de alcohol é o que consegue que a reacción dé lugar ao biocombustible.

Por outra banda, indicou que na en elaboración dos medicamentos "hai elementos que son como as mans". A través desta imaxe, explicou que "unha man e outra non se poden superpoñer, porque hai parte dereita e esquerda", o que implica que os dedos polgares se alternan a un lado e ao outro.

A determinadas moléculas pásalles igual e estas enzimas valen "para separar as mans esquerdas das dereitas", algo "moi necesario" porque a dereita "adoita ser activa medicamente e a outra non", subliñou.