Investigadores da USC traballan nun laboratorio virtual para que expertos en oceanografía compartan datos

Actualizado: lunes, 2 marzo 2009 15:19

Esperan ter un prototipo en setembro e cren que pode aplicarse a campos que necesitan equipos informáticos de altas prestacións

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 2 Mar. (EUROPA PRESS) -

Investigadores da Universidade de Santiago (USC) traballan no desenvolvemento dun laboratorio virtual para a Rede Nacional de Teledetección Oceanográfica que permitirá aos expertos compartir datos dos seus traballos.

O proxecto, financiado polo Plan Nacional de I+D+i realízase en colaboración co Centro de supercomputación de Galicia (Cesga). Tamén participan o Instituto Canario de Ciencias Mariñas e o AZTI, un centro tecnolóxico vasco especializado en investigación mariña e alimentaria.

O principal obxectivo deste proxecto é desenvolver un laboratorio virtual, a través dun portal web, mediante o emprego de tecnoloxía Grid. Trátase dunha tecnoloxía innovadora que conecta centenares de ordenadores para que compartan non só información, senón tamén capacidade de cálculo e grandes espazos de almacenamento.

Ademais, permite compartir todo tipo de recursos que non están centralizados nun único punto xeográfico e que se conectan a través de Internet. Estes recursos, segundo explicaron, distribúense na Rede de modo transparente, pero mantendo unha pautas de seguridade e confidencialidade "moi rigorosas".

O coordinador do equipo, José Manuel cotos Yáñez, do Laboratorio de Sistemas da USC, explicou que os avances que se producen no ámbito da observación da superficie terrestre, co lanzamento de misións "cada vez máis sofisticadas e cunha resolución cada vez maior dos datos", fai que a análise de toda a información dispoñible "sexa unha tarefa ardua e tediosa, en moitos casos inabordable".

Ante esta situación, os investigadores traballan para lograr que a comunidade científica teña un acceso "áxil e eficiente" a grandes recursos de computación, co fin de que poida extraer "o maior partido posible" a este conxunto de datos.

INTERACTIVIDADE

Así mesmo, a principal novidade deste proxecto é a interactividade, segundo precisaron. O usuario traballa a través dun contorno gráfico que permite acceder de modo "doado e transparente" aos recursos de todo o Grid.

No marco deste proxecto o equipo traballa na creación dunha base de datos virtual, posto que a información de interese para a comunidade científica está distribuída xeograficamente en múltiples centros e grupos de investigación.

A tecnoloxía Grid sobre a que se crea este laboratorio virtual, que os usuarios non teñen por que saber manexar, xa que son expertos en oceanografía e teledetección. Por iso, os investigadores tratan de facilitar o acceso a este sistema dispoñendo só de nocións básicas de Internet.

O equipo espera poder dispoñer dun prototipo en setembro deste ano. Segundo aseguraron, unha vez que estea en funcionamento, podería aplicarse e a outros campos que requiren de equipos informáticos de altas prestacións, como pode ser a biotecnoloxía, a nanotecnoloxía ou o sector dos materiais, entre outros.