A Misión Biolóxica de Galicia inaugurará unha nova liña de investigación sobre xenética forestal

Actualizado: jueves, 26 julio 2007 19:58

O CSIC inaugura o rehabilitado Pazo de Gandarón para esta institución

PONTEVEDRA, 26 Jul. (EUROPA PRESS) -

A directora da Misión Biolóxica de Galicia, Rosa Ana Malvar, anunciou hoxe que a restauración do Pazo de Gandarón permitirá inaugurar o próximo ano un nova liña de investigación en mellora xenética forestal para a que esperan contar coa colaboración doutras institucións.

A directora informou ademais de que serán os grupos de investigación en Bioloxía do Estrés e Mellora e Xenética do Millo os que se instalen a partir de setembro nas novas instalacións.

O vicepresidente Investigación Científica e Técnica do CSIC, José Manuel Fernández de Labastida, inaugurou hoxe este recén rehabilitado Pazo de Gandarón, situado na parroquia pontevedresa de Salcedo nas instalacións da Misión Biolóxica de Galicia.

As obras de restauración do edificio, orixinario do século XVIII, tiveron unha duración de catorce meses e un custo próximo aos dous millóns de euros, financiados en preto dun 65% polo CSIC e nun 35% por Fondos FEDER.

O novo edifico, de tres plantas, albergará a dous dos grupos de investigación da Misión, ademais das dependencias administrativas.

Ao acto asistiron a conselleira de Educación e Ordenación Universitaria, Laura Sánchez Piñón; o presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán; o alcalde da cidade, Miguel Anxo Fernández Lores e o subdelegado do Goberno en Pontevedra, Delfín Fernández.

O novo edificio vén a completar as instalacións da Misión, con novos laboratorios e dependencias administrativas, entre as que se atopan unha sala de xuntas e un salón de actos con capacidade para 90 persoas.

Ademais, na capela do pazo, accesible dende o edificio principal, instalarase un museo para dar a coñecer os máis de 80 anos de historia do centro, o máis antigo dos institutos de investigación do CSIC en Galicia. Por outro lado, a reforma da estrada de acceso comezará o próximo ano.