Os usuarios de MeteoGalicia poden consultar as predicións a través do teléfono móbil e da PDA

Actualizado: domingo, 23 diciembre 2007 13:48

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 23 Dic. (EUROPA PRESS) -

Os usuarios interesados en consultar as predicións meteorolóxicas de MeteoGalicia poden dende esta fin de semana facer uso dun novo servizo posto en marcha polo organismo que permite acceder a estes servizos dende un teléfono móbil e dende un dispositivo PDA.

Segundo sinalou hoxe a Consellería de Medio Ambiente, da que depende MeteoGalicia, os interesados accederán dende a dirección http://www.meteogalicia.es a unha "versión reducida da web, de navegación doada, na que se recollen os aspectos máis relevantes da predición".

Así, os usuarios poden ver nestes dispositivos a última imaxe de satélite dispoñible, a predición meteorolóxica xeral do día e da medio prazo en mapa e texto e a predición de localidades concretas.

Nesta liña, a consellería sinalou que dende MeteoGalicia pretenden "ampliar progresivamente as opcións dispoñibles" co obxectivo de "equiparalas ás existentes na web" tradicional, como é o caso do estado do mar e a temperatura recollida nas estacións e no Camiño de Santiago, entre outras.