Un proxecto tecnolóxico "integrará" aos enfermos con insuficiencia renal e "mellorará" a súa calidade de vida

Actualizado: miércoles, 27 agosto 2008 19:20

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 27 Ago. (EUROPA PRESS) -

A Consellería de Innovación e Industria e a Federación de Asociacións de Enfermos de Galicia (Faega) porán en marcha un proxecto "piloto" baseado nunha rede dixital de servizos, co que pretenden "mellorar a calidade de vida" dos enfermos con insuficiencia renal crónica da comunidade galega, así como "integrar socialmente" a este colectivo.

Así, o conselleiro de Innovación, Fernando Blanco, e o presidente de Faega, Jesús Pascual, asinaron hoxe un convenio a través do cal se desenvolverá 'Contigo na rede'. Trátase dun programa que intenta potenciar "o uso social" das tecnoloxías da información e da comunicación e do que se beneficiarán "tanto os pacientes como os seus familiares".

Segundo informou hoxe Innovación, a iniciativa consiste na creación dunha rede dixital de servizos asistenciais xestionados a través de videoconferencia por un equipo "especializado" nas enfermidades dos usuarios.

Desta forma a rede contará cun servizo de asesoramento laboral xurídico on line e con programas de formación para a incorporación ao mercado laboral a través dun achegamento 'blended', que combina o uso do ordenador coa interacción en directo co profesor.

O departamento dirixido por Fernando Blanco investirá 56.576 euros no financiamento deste proxecto no que participarán 30 pacientes en hemodiálise, diálise peritoneal e transplantados de diversas idades e zonas xeográficas de Galicia.

Trátase, segundo o convenio asinado hoxe, de ofrecer unha atención "continuada" a estes enfermos por parte dun equipo "multidisciplinar" que lles facilite información nos distintos aspectos que xurdan como "consecuencia da súa exclusión".