Proxectos tecnolóxicos e a creación de premios potenciarán a competitividade do sector de artes gráficas

Actualizado: viernes, 27 junio 2008 21:55

O Clúster que agrupa a máis de 50 empresas de produto gráfico e do libro en Galicia crea unha plataforma tecnolóxica

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 27 Jun. (EUROPA PRESS) -

O Clúster do Produto Gráfico e do Libro Galego, nacido hai máis dun ano e que integra máis de 50 empresas dedicadas a deseño, impresión e edición en Galicia, aposta polo desenvolvemento de proxectos tecnolóxicos e a creación duns premios como fórmulas para mellorar a súa "competitividade" e avanzar nun mercado cada vez máis globalizado.

Así o expuxeron hoxe, en Santiago de Compostela, o presidente deste clúster, Jacobo Bermejo; o xerente de este, Juan Penas; e o presidente da nova plataforma tecnolóxica desta agrupación de empresas do sector das artes gráficas, Rafael Fernández. Tras máis dun ano de traballo, esta entidade avanzou algunhas dos proxectos postos en marcha como a propia plataforma tecnolóxica, un portal de libro galego en internet, melloras no proceso e as técnicas de produción e outros.

Jacobo Bermejo analizou que as artes gráficas --deseño, impresión e edición-- son un sector descoñecido malia o seu "dinamismo" e as "ganas" por afrontar novos proxectos. Recalcou que a plataforma do clúster é "un dos logros máis importantes" do primeiro ano de traballo do Clúster, que tamén está envorcado na internacionalización do sector; nunha aposta pola innovación e a competitividade; na formación de directivos e equipos; e en dar "notoriedade" ás empresas do sector --unhas 300 en Galicia--.

Pola súa banda, Rafael Fernández analizou que o sector na Comunidade galega está "atomizado" e atribuíu ao Clúster a "responsabilidade" de dicirlle o que está a pasar noutras partes e facer recomendacións de cara á competitividade. Defendeu que as empresas do sector, ademais de apostar polo I+D+i, aproveiten sinerxías e unan esforzos para "xerar novas ideas e produtos".

PORTAL

Precisou que ao amparo da plataforma tecnolóxica do Clúster do Produto Gráfico e do Libro Galego xa están a traballar tres grupos: un centrado no proxecto do portal do libro galego centrado en internet, sistemas dixitais de impresión e distribución --para que estea operativo en 2009-- ; outro para tecnoloxías aplicadas ao proceso produtivo --etiqueta RFID, tecnoloxías de impresión e deseño, etc.-- e outro en mellora de procesos, técnicas de xestión e de sistemas de información.

Segundo os responsables do Clúster, entre outras accións previstas, está afrontar para 2008-2009 a creación duns premios de deseño galego; a creación dun Centro tecnolóxico do produto gráfico e do libro galego e novos proxectos en I+D+i; crearanse bolsas para enxeñeiros orientadas á mellora de proxectos produtivos; farase un estudio para un programa que fomente a cooperación e as alianzas entre empresas do sector; e desenvolveranse un sistema de etiquetas de RFID, unha ferramenta de identificación por radiofrecuencia.

O xerente do clúster, Juan Penas, concretou que para outubro de 2008 está previsto presentar a imaxe e o contido dos premios que se pretenden crear, de forma que para o segundo semestre de 2009 xa estean definidos os criterios, se coñeza o xurado e se poida celebrar o acto.

Así mesmo, o Clúster que agrupa a máis de 50 empresas de produto gráfico e do libro en Galicia pretende realizar unha campaña de comunicación e difusión en medios para "facer visible" a este sector. Para iso realizouse un video promocional que se difundirá en distintos ámbitos, entre eles, nas feiras e viaxes internacionais.