Químicos da USC traballan no deseño de moléculas que actúen como axentes contra a enfermidade de Alzheimer

Actualizado: lunes, 17 marzo 2008 19:56

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 17 Mar. (EUROPA PRESS) -

Un equipo de investigadores do Departamento de Química Orgánica da Universidade de Santiago (USC) traballa no deseño e síntese de moléculas que actúan como potenciais axentes anti-alzheimer, co que pretenden obter no futuro un medicamento para combater esta enfermidade.

As compañías farmacéuticas xa están implicadas no seu desenvolvemento, posto que na actualidade só existen fármacos destinados a paliar esta doenza.

Unha das investigadoras deste equipo, que dirixe Ramón Estévez, a profesora Carmen Villaverde, incidiu no feito de que a obtención dun novo fármaco "esixe entre cinco e dez anos de investigación, ademais dunha elevada inversión económica, mentres que as cifras de éxito se sitúan tan só entre o 1% e 5% de resultados positivos".

Así, a profesora Villaverde sinalou que o primeiro paso para logralo radica en localizar a "diana terapéutica" contra a que ten que actuar o fármaco e que, na maioría dos casos, "é unha proteína".

Os investigadores lembraron que a enfermidade de Alzheimer se caracteriza por unha perda gradual de memoria, a deterioración da linguaxe e das habilidades motoras. Xa na última fase, prodúcese un deterio do control das necesidades fisiolóxicas. A incidencia desta doenza é maior nas mulleres que nos homes e máis habitual a partir dos 65 anos, de maneira que a súa porcentaxe se incrementa coa idade.

Deste xeito, o equipo da USC traballa no desenvolvemento de moléculas que actúen como inhibidores para impedir que a "beta-secretasa", actúe, dando lugar á formación das placas peptídicas. "A finalidade é atopar moléculas que ocupen o sitio activo da encima e impidan que leve a cabo o proceso de formación dos péptidos -- compoñentes das proteínas -- que forman as placas", sentenciou a profesora Villaverde.