Un robot que recoñece a xunta que debe soldar automatizará a construción naval

Actualizado: sábado, 1 noviembre 2008 19:02

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 1 Nov. (EUROPA PRESS) -

Unha célula robotizada desenvolvida polo Centro de Innovación e Servizos do Deseño e a Tecnoloxía (CIS-Galicia), que recoñece a xunta na que debe traballar, permitirá mellorar a soldadura de grandes pezas na construción naval e automatizar as tarefas neste ámbito.

Este proxecto, denominado 'Célula Transportable para Robotización de Soldadura' (CETROS), contou con case 237.000 euros procedentes da Consellería de Innovación e Industria, que informou hoxe nun comunicado de que o equipo que desenvolve o dispositivo o está a finalizar.

Esta iniciativa foi liderada polo CIS e levada a cabo por este organismo, en coordinación co Centro Tecnolóxico AIMEN e a empresa Neodyn.

O responsable do proxecto CETROS, Regino Varela, explicou na mesma nota que a célula é unha "solución para robotizar soldaduras no naval" que incorpora os beneficios da soldadura mecanizada que, fronte á manual, "incrementa a estabilidade do posicionamento e a rapidez da produción". Ademais, ao necesitarse menos tempo para o proceso achégase menos calor", de forma que as pezas "se deforman menos".

Varela indicou que os elementos empregados na industria naval presentan "particularidades" --son de gran tamaño e non se producen en serie-- que requiren que a célula de soldadura sexa transportable, de programación rápida e cun control de calidade "preciso e fiable".

Así, é a célula a que se despraza á peza e "se move ao seu arredor", ademais de buscar os puntos que debe soldar, de forma que o operador "soamente ten que achegar o robot", que "imita o traballo das persoas", agregou.

O investigador sinalou que no naval "practicamente cada peza é única" e non se repite, polo que se fai necesario utilizar sistemas que permitan unha programación rápida "para optimizar os recursos".

Innovación e Industria recordou na mesma nota que o CIS-Galicia, que depende deste departamento da Xunta, ten máis de 20 proxectos activos, a maior parte deles incluído no Plan Galego de I+D+i 2006-2010 (Incite).