O sector audiovisual galego experimentará dende marzo co 'Vixía', un buscador de información tecnolóxica

Actualizado: domingo, 2 marzo 2008 14:00

O Clag colgará "en breve" na súa web un catálogo sectorial online con información "relevante e actualizada" de empresas do sector

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 2 Mar. (EUROPA PRESS) -

O sector audiovisual de Galicia, a partir dunha iniciativa do Clúster Audiovisual Galego (Clag), contará a partir de marzo, en fase experimental, co servizo 'Vixía', un buscador sectorial daquela información tecnolóxica que poida ser útil para a toma de decisións e a actividade das empresas que integran esta industria. Ademais, trabállase na súa aplicación a través do móbil.

Esta non é a única aposta polo uso dos avances tecnolóxicos no audiovisual galego para este ano, xa que "en breve" tamén se poderá consultar na web do Clag (www.clusteraudiovisualgalego.com) un catálogo sectorial online con información "relevante e actualizada" de empresas do sector en Galicia, segundo a información facilitado a Europa Press pola entidade que agrupa 48 empresas do sector, dende produtoras a empresas auxiliares, pasando por aquelas que se dedican a son e dobraxe ou a servizos, así como distribuidoras e exhibidoras.

A Plataforma 'Vixía', desenvolvida e mantida pola Área de Informática Estratégida del Centro de Innovación e Servizos (CIS) Galicia, é un sistema de vixilancia tecnolóxica e intelixencia competitiva encargado da busca, tratamento, filtrado, clasificación, análise e distribución de información tecnolóxica útil para orientar ás empresas na súa actividade e estratexia competitiva no mercado mundial.

Este sistema ten como aspecto innovador, segundo o Clag, que está nunha "potente plataforma software" que combina as funcións de vixilancia tecnolóxica do ámbito -- escenario nacional e internacional respecto a contidos multimedia e audiovisuais --, xestión da información propia da empresa e sistema de comunicación interna. Por iso, os seus promotores entenden que se trata dunha "ferramenta moi útil para a xestión do coñecemento".

Para o Clag, outra das "vantaxes" da plataforma 'Vixía' é que está en disposición de cumprir os requisitos establecidos pola norma UNE-166006-EX de Sistema de Vixilancia Tecnolóxica no contexto da Xestión de I+D+i. Ademais, trabállase no desenvolvemento dunha solución tecnolóxica que permita consultar este servizo dende o móbil, o que facilitaría a súa accesibilidade.

DIRECTORIO DE EMPRESAS

Por outra banda, o Clag realizou un catálogo sectorial online de empresas do audiovisual galego que "en breve" será subido á súa entrada web. Trátase dun directorio no que se pode localizar datos sobre o sector e que, en concreto, inclúe información relevante e actualizada sobre as empresas, os seus produtos, a súa área de actividade, contactos e páxina web.

Segundo o clúster, a información almacenada fará deste catálogo online "un escaparate de empresas" que servirá para dar a coñecer nos mercados exteriores a oferta galega dun "sector caracterizado por un alto nivel tecnolóxico e un proceso de innovación constante".

Ademais, esta ferramenta tamén se concibe como inventario de recursos do sector, para favorecer que as empresas galegas e de fóra de Galicia poidan saber en todo momento que compañías, equipos, recursos humanos, etc. hai dispoñibles para poder levar a cabo os seus proxectos con plenas garantías técnicas.

Por outro lado, o Clag ofrece ás súas empresas asociadas un servizo de asesoramento e xestión de proxectos de I+D+i, para prestar asistencia técnica aos socios para a identificación e posta en marcha de proxectos susceptibles de ser financiados por programas de axudas nacionais ou comunitarios (PROFIT, CDTI, Eureka, Programa Marco). As liñas de actuación deste servizo son, entre outras, a identificación de socios científicos, tecnolóxicos ou empresariais con capacidade para colaborar nas accións que a empresa non aborde internamente e o seguimento das propostas presentadas para o seu financiamento.

"ESTAR AO DÍA"

Segundo detallou a Europa Press o presidente do Clag, Antón Reixa, a relevancia destes proxectos é que permitirán "estar ao día" ás empresas do sector audiovisual galego, tanto no referente ás evolucións e innovacións tecnolóxicas coma a formatos de contidos. Enmarcou estas iniciativas no "aproveitamento de sinerxías" e na función do clúster de fomentar e afianzar a "cooperación empresarial e o I+D+i".