Tecnópole reunirá hoxe a 100 pemes enerxéticas para participar no proxecto europeo ER-Innova

Actualizado: martes, 9 marzo 2010 10:04

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 9 Mar. (EUROPA PRESS) -

O Parque Tecnolóxico de Galicia (Tecnópole) acollerá hoxe unha xornada aberta para levar a cabo a primeira fase de captación con 100 pequenas e medianas empresas enerxéticas co fin de integralas no proxecto europeo ER-Innova.

Os asistentes terán ocasión de coñecer os detalles do proxecto, cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) ao amparo do Programa Operativo de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal 2007-2013. O seu marco temporal é bianual e conta cun financiamento total de 931.693,68 euros.

ER-Innova é un proxecto europeo de innovación que se iniciou no último trimestre de 2009 co obxectivo de mellorar a competitividade das pemes do sector das enerxías renovables da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal a través das Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (TIC).

Ademais, presentarase a Rede de Transferencia e Tecnoloxía da Asociación Española de Parques Científico e Tecnolóxicos (APTE) e os programas de apoio ás empresas do sector das enerxías renovables recollidas no Fondo Tecnolóxico. A xornada dará comezo ás 11.00 horas no salón de actos de Tecnópole en San Cibrao das Viñas (Ourense) e prolongarase ata as 13.30 horas.

Xunto a Tecnópole, os socios do proxecto son a Asociación de Empresas Galegas adicadas a Internet e ás Novas Tecnoloxías (Eganet); a Fundación para o Fomento da Calidade Industrial e o Desenvolvemento Tecnolóxico de Galicia, así como NET Novas Empresas e Tecnoloxías e a S.A. Business and Innovation Centre do Porto.