Unha empresa crea un software que calcula o impacto económico do turismo para predicir a xeración de emprego

Actualizado: domingo, 1 noviembre 2009 14:12

Funciona como "un observatorio" con datos e enquisas do sector e analiza o tecido empresarial dunha zona determinada

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 1 Nov. (EUROPA PRESS) -

A empresa Gimena Ingeniería terá listo "en catro ou cinco meses" un software para o estudio do impacto do turismo en concellos e mancomunidades de Galicia que, entre outras cousas, pretende predicir a xeración de postos de traballo dun posible aumento do número de turistas.

O desenvolvemento desta aplicación informática, que conta con financiamento da Consellería de Economía e Industria, realízase dende hai máis de tres anos en colaboración co departamento de Economía aplicada da Universidade de Santiago de Compostela (USC).

Segundo explicou o xerente da compañía, Víctor Sixto, en declaracións a Europa Press, este proxecto de I+D+i se atopa na súa "fase final", pois xa recolleron os datos primarios e agora están a someter o produto "a proba".

Así, destacou que "a idea que hai detrás" é que corporacións locais e supralocais dispoñan "dunha ferramenta" para valorar en termos de xeración de rendas os impactos directos e indirectos do turismo. "Trátase de ver o gasto inducido e a cadea de impactos", subliñou o responsable de Gimena Ingeniería.

Na actualidade, estas administracións "non teñen información real sobre o sector", advertiu. "Teñen unha porcentaxe, pero non datos; fan estimacións sen datos reais", recalcou. Isto débese a que en España, os datos están desagregados por Comunidade Autónoma.

MODELO ECONOMÉTRICO

Por este motivo, deseñaron un "modelo econométrico" que permite definir "cara a atrás" a cadea de valor de cada euro gastado por un turista, indicou Sixto. No que respecta ao traballo de campo, estudaron a mancomunidade Arousa Norte, que abrangue as localidades coruñesas de Ribeira, Rianxo, Pobra do Caramiñal e Boiro.

A partir dunha estimación do número de turistas e o seu gasto medio, resaltou que o que fixeron foi "realizar enquisas na zona". "Despois enquisamos ao tecido empresarial, dende a hostalaría e o turismo de aventura ata negocios desvinculados co sector," explicou.

Na súa opinión, este labor e a determinación dunha fórmula matemática permítelles analizar a vinculación entre renda xerada e postos de traballo creados. Despois disto, fixeron unha proxección cos datos que recolleron en fontes secundarias, como as listas da Seguridade Social ou o Instituto Nacional de Estatística (INE).

OBSERVATORIO

A aplicación informática funcionará, engadiu, "metendo datos primarios, enquisas a turistas e profesionais do sector". "Automaticamente xeraranos o número de empregos creados en restauración, en comercio, en almacenistas da alimentación...", exemplificou e apostilou que "será como unha especie de observatorio".

Esta característica permítelles "facer un modelo predictivo", defendeu, de cara a programar "se fan falta camareiros, máis viño ou máis carne" ante a previsión de que o turismo aumente "nun 10 por cento", remachou. Por iso, entendeu que "tódalas administracións que traballan o fomento do turismo" serán os demandantes do programa.