Unha empresa galega crea un software "á medida" para a xestión integral das empresas vinícolas

Actualizado: sábado, 7 julio 2007 14:03

Esta ferramenta informática converterase nunha plataforma web cunha base de datos de interese para o sector

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 7 Jul. (EUROPA PRESS) -

A empresa galega Imatia Innovation está a rematar o 'Proxecto Adega', un software creado "á medida" para as empresas do sector vinícola que integra a xestión do proxecto de produción de forma "integral". Así, ademais das ferramentas para a xestión de clientes ou provedores inclúe novas fórmulas tecnolóxicas para o control de viñedos, a vendima ou as enfermidades da vide.

Segundo informou a Consellería de Innovación e Industria, que colabora neste proxecto cunha achega total de 45.000 euros, este novo software permitirá unha xestión das actividades do sector "da cepa á copa", é dicir, dende o cultivo da uva ata a súa comercialización.

A empresa creadora, Imatia, naceu en Vigo en 2005 e traballa no desenvolvemento de solucións informáticas para sectores fundamentais da economía galega. Nesta ocasión, partindo de estudios previos, os investigadores da empresa galega observaron a "necesidade" dunha ferramenta de xestión "personalizada e integral" para o sector vinícola.

Así, segundo destacaron os responsables da empresa, os beneficios desta nova ferramenta para o sector observaranse "a curto prazo", xa que o software "axilizará" as actividades loxísticas e produtivas das firmas vinícolas.

"Esta tecnoloxía de desenvolvemento rápido permite crear aplicacións á medida dos distintos sectores, neste caso o vitivinícola", explicou o investigador principal do proxecto, David Goyanes, que destacou, ademais, que para a realización desta ferramenta o grupo de traballo partiu de investigacións anteriores que "invitaban a concretar os seus resultados nun produto á medida para o sector".

PLATAFORMA WEB

Por outra banda, Goyanes explicou que a longo prazo pretende que o software se converta nunha plataforma web que integre unha base de datos de interese común para todos os colectivos implicados na produción de viño, dende os donos das cepas ata os bodegueiros ou os comerciantes.

En canto ás aplicacións tecnolóxicas, 'Adega' é un software multiplataforma que facilita ademais a integración con outros sistemas, o que implica que funciona en calquera ordenador e con calquera sistema operativo. Así mesmo, existe unha versión específica para a xestión de plataformas móbiles pensada para dispositivos PDA ou teléfonos móbiles.