A USC acollerá o luns unha competición de robots móbiles por un circuíto delimitado

Actualizado: viernes, 31 octubre 2008 19:28

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 31 Oct. (EUROPA PRESS) -

A Escola Técnica Superior de Enxeñaría da Universidade de Santiago (USC) acollerá o próximo luns unha competición na que os equipos participantes guiarán un robot móbil Pioneer 3 DX por un circuíto delimitado.

Segundo informou a USC, a competición gañaraa o equipo que percorra a maior distancia nun tempo máximo de tres minutos. Posteriormente, o evento celebrarase os días 10 e 17 de novembro no IES Escolas Proval de Nigrán e ao de Rodeira en Cangas.

Esta iniciativa, que se enmarca no ciclo de actividades 'Diverciencia' e que está dirixida principalmente a estudantes do centro, mostrará aos asistentes algúns dos fundamentos tecnolóxicos e de computación avanzada de robótica móbil de xeito "divertido e competitivo", empregando un robot móbil real.

A competición, que comezará ás 12.30 horas, irá precedida dunha presentación divulgativa e dunha demostración práctica coa que os asistentes aprenderán as bases tecnolóxicas do guiado dun robot móbil real, con especial atención aos elementos que axudan a guiar o robot e que, neste caso, supoñen a utilización de sensores láser e de ultrasóns, así como de intelixencia artificial.

Os equipos participantes unicamente poderán ver exactamente o mesmo que o robot --a información sensorial da que dispón--, a través dos seus sensores láser e guiándoo cun joystick wifi polo circuíto. As aplicacións informáticas que permiten guiar o robot están todas desenvolvidas con software libre e son accesible baixo licenza 'open source'.