A USC estuda como desparasitar os cabalos salvaxes galegos a través de tratamentos ecolóxicos

Actualizado: sábado, 9 agosto 2008 16:43

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 9 Ago. (EUROPA PRESS) -

O Departamento de Patoloxía Animal da Facultade de Veterinaria de Lugo desenvolve unha estratexia para o control biolóxico dos parasitos do cabalo salvaxe de Galicia a través de tratamentos ecolóxicos e medios de control biolóxico. Para iso, conta cunha axuda de 85.100 euros achegada pola Consellería de Innovación e Industria.

Segundo explicaron os seus responsables, Rita Sánchez-Andrade e Adolfo Paz, profesores na Cátedra de Parasitoloxía e Enfermidades Parasitarias da Universidade de Santiago de Compostela (USC), o estudio "ten interese en diversas vertentes", como a sanitaria, a ambiental e a económica.

Así, segundo informou hoxe Innovación nun comunicado de prensa, a análise "pretende contribuír" á xestión sostible dos espazos naturais galegos, ao analizar a eficacia dun fungo para desenvolver o control biolóxico das enfermidades parasitarias dos cabalos.

O grupo de investigación considera que o estudio poderá aplicarse sobre unha poboación de máis de 2.000 cabalos galegos. Os resultados obtidos tras a análise das feces e o sangue de 873 animais, tendo en conta diferentes hábitats, actitudes e grupos de idade, indican que os parasitos máis habituais son os do aparato dixestivo.

FASES DO ESTUDIO

Na primeira fase da investigación analízanse os períodos anuais de máximo risco de infección e avalíase a eficacia de diferentes tratamentos farmacolóxicos para facelos fronte. Na segunda etapa, avalíanse os resultados da aplicación do fungo Duddingtonia como medida de control biolóxico en catro grupos de dez animais de dúas explotacións de Muras (Lugo) e Xinzo de Limia (Ourense).

A aplicación dos resultados será inmediata debido a un programa de desparasitación imposto polo Goberno autonómico. Así mesmo, esta Cátedra asinou un convenio de colaboración coa asociación Pura Raza Galega para levar a cabo o control das enfermidades parasitarias máis importantes do gando equino galego.

Segundo os doutores Sánchez-Andrade, Arias Vázquez e Paz Silva, os resultados do proxecto terán un "valor ecolóxico" ao empregar un fungo respectuoso co medio que ademais ten o obxectivo final de "reducir as infeccións noutros animais de cría en liberdade".