A USC investiga como fabricar cristais fotónicos para transmitir información a través de ondas de luz

Actualizado: domingo, 29 noviembre 2009 15:48

De dar cunha tecnoloxía, os dispositivos ópticos permitirían procesar máis datos e a maior velocidade en aparatos electrónicos

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 29 Nov. (EUROPA PRESS) -

O Instituto de Cerámica de Galicia, que depende da Universidade de Santiago de Compostela (USC), investiga un método co que fabricar a escala industrial cristais fotónicos, que son materiais que permiten guiar a luz de forma controlada.

Os traballos de experimentación no laboratorio compostelán teñen como meta lograr a elaboración sistemática deste tipo de cristais, cuxa principal aplicación é a transmisión de información a través dos feixes de luz que se propagan a través deles de xeito controlado.

O máximo responsable desta investigación, o profesor Álvaro Gil, explicou a Europa Press que, de conseguir a tecnoloxía para a súa fabricación en cadea, o seguinte paso sería a produción de dispositivos ópticos con estes materiais, que poderían substituír aos circuítos integrados electrónicos, que son os máis habituais na actualidade.

Estes dispositivos transportan e procesan información mediante sinais eléctricos que percorren os circuítos integrados --como os que se atopan nos ordenadores-- mediante electróns, mentres que os circuítos integrados por cristais fotónicos poderían envialos a través de ondas de luz. As vantaxes consistirían nunha "maior" velocidade de transmisión e na "capacidade de procesar máis información", destacou Gil.

Este campo de investigación abriuse en 1987, cando dous investigadores norteamericanos --Eli Yablonovitch e Sajev John-- propuxeron e demostraron a idea de dispersar a luz a través de materiais que presentan unha variación periódica no seu índice de refracción. Dende entón, existe unha carreira na comunidade científica por ver quen pode facer, por exemplo, o primeiro transistor fónico.

INTERESE COMERCIAL E INDUSTRIAL

"Estamos en fase de experimentación, de momento o que hai son propostas teóricas; hai moita xente que traballa niso pero se trata de buscar un método para elaboralos de forma sistemática", relatou o investigador, quen apuntou ao "interese" comercial e industrial de grandes compañías como Laboratorios Bell, IBM, Basf e Intel.

En caso de que alguén dea coa tecnoloxía de fabricación axeitada, os cristais fotónicos servirán para "todo tipo de dispositivos", que se colocarían en todos aqueles circuítos que, "hoxe en día, funcionan con electróns", recalcou Gil.

DÚAS TÉCNICAS

En concreto, o instituto da cerámica galego avalía dúas técnicas para tratar de fabricar cristal fotónico. Unha de elas, a litografía con láser mediante máscaras holográficas, é máis frecuente no panorama científico.

Non obstante, a escritura directa con tinguiduras é menos coñecida e pode que, resulte polo menos unha solución inicial para fabricar cristais e dispositivos fotónicos. Sobre o tempo que pode requirir este achado, a medio prazo, o responsable incidiu en que é un factor "impredicible".

Gil colabora con outras catro persoas no instituto, químicos e físicos, ademais de coa Escola Universitaria de Óptica e Optometría da USC e co grupo de investigación en Metroloxía Óptica do Departamento de Física aplicada da Universidade de Vigo.