Wireless Galicia desenvolve sistemas de telemedicina para o seguimento domiciliario de enfermos crónicos

Actualizado: sábado, 1 marzo 2008 17:20

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 1 Mar. (EUROPA PRESS) -

A empresa Wireless Galicia desenvolveu un sistema de seguimento domiciliario de parámetros médicos mediante tecnoloxía bluetooth para que os enfermos crónicos non teñan que desprazarse aos centros de saúde para o control de determinados valores.

O proxecto, apoiado polo Programa de Sociedade da Información do Plan Galego de I+D+i, do que recibiu unha axuda de 18.272 euros, está realizado en colaboración coa Escola de Enxeñeiros de Telecomunicacións da Universidade de Vigo e co Complexo Hospitalario Juan Canalejo.

Segundo sinalou a Consellería de Innovación, este sistema de telemedicina abre "unha serie de desenvolvementos para o control de enfermos con patoloxías crónicas" que "inclúe unha actividade física que debe ser controlada polo médico.

Nesta segunda parte do proxecto, que ten unha subvención de 30.836 euros, destaca a creación e desenvolvemento dunhas "unidades vestibles intelixentes", dotadas de "acelerómetros, módulo de control e interface bluetooth".

Outra liña de investigación de Wireless Galicia céntrase nas tecnoloxías Wimax (Worldwide Interoperability for Microwave Access), co obxectivo de mellorar o seu potencial como servizo inarámico de banda ancha móbil.

Este proxecto, segundo resaltou Innovación, ten continuidade no plan Seamax, no cal se aplica o coñecemento en Wimax móbil ao sector mariño para "superar as limitacións do escaso ancho de banda de sistemas pensados unicamente para servizos de voz".

Esta mesma tecnoloxía foi aplicada tamén nun programa piloto na base de medios aéreos de Toén (Ourense) aos incendios forestais, no marco dun proxecto que permitiu, entre outros servizos, "a videovixilancia na base de medios aéreos, o control centralizado dende o centro de coordinación de Santiago e o aumento da operatividade e eficiencia do dispositivo contra incendios".