Xenotechs implanta análise de ADN para mellorar as garantías de calidade e seguridade de produtos alimentarios

Actualizado: domingo, 1 junio 2008 15:19

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 1 Jun. (EUROPA PRESS) -

Xenotechs Laboratorios, unha empresa con sede en Vigo e de base tecnolóxica, pretende implantar metodoloxías emerxentes baseadas na análise do ADN para mellorar a trazabilidade dos produtos alimentarios e achegar con iso as máximas garantías da súa calidade e seguridade.

Segundo explicou a Europa Press Pablo Lafuente, xerente da firma, os fundadores de Xenotechs conseguiron "crear unha base de datos con máis de 300 especies secuenciadas xeneticamente que permiten a identificación de especies dun enorme rango de produtos de consumo humano e animal, ben a través de mostras frescas ou que sufriran algún tipo de transformación".

Pablo Lafuente destacou que a implantación destas metodoloxías "minoran sensiblemente os tempos de análise e melloran a precisión dos resultados obtidos" co fin de proporcionar á industria alimentaria e ao consumidor as ferramentas necesarias para garantir a calidade e seguridade dos produtos comercializados e consumidos.

Aínda que son especialistas en bioloxía molecular, a empresa galega oferta tamén todo o rango de técnicas empregadas para a análise dos alimentos para poder ofrecer un servizo de calidade integral. Así, se dirixen a toda a industria en xeral do sector alimentario, xa sexa importadores, transformadores, almacenistas, distribuidores ou a Administración.

O equipo promotor deste proxecto está formado por catro doutores en Bioloxía e Química e outro investigador do ámbito biolóxico, que constituirán dende un primeiro momento o cadro de persoal da empresa. Acaba de ser premiado no concurso de iniciativas empresariais innovadoras da Universidade de Santiago de Compostela.

CONSULTORIA.

Xenotechs tamén dispón dun servizo de consultoría especializada, coa intención de aplicar técnicas e coñecementos desenvolvidos para a mellora dos procesos de fabricación de empresas transformadoras de alimentos.

Enmarca esta iniciativa no aumento da preocupación social en materia alimentaria, pois grande parte do esforzo para lexislar a etiquetaxe e calidade dos alimentos está dedicado á correcta denominación das especies animais comercializadas, coa intención de ofrecer unha maior transparencia no mercado e unha información veraz ao consumidor en toda a cadea de comercialización e evitar así a fraude.

Xenotechs Laboratorio naceu baixo o respaldo e amparo do Instituto de Investigacións Mariñas (CSIC) e da Universidade de Santiago de Compostela co propósito de achegar metodoloxías innovadoras, baseadas na análise de ADN, ao sector da industria alimentaria.