A Xunta destina uns 265.000 euros a un proxecto para reutilizar a información do sector público

Actualizado: domingo, 6 abril 2008 16:51

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 6 Abr. (EUROPA PRESS) -

A Consellería de Innovación e Industria porá en marcha un novo proxecto para reutilizar a información xerada polo sector público, cun orzamento total de 265.000 euros e que se realizará durante este ano.

A iniciativa, que se desenvolverá baixo o título de 'Reutiliz@', ponse en marcha a través da Fundación para o Fomento da Calidade Industrial e o Desenvolvemento Tecnolóxico de Galicia, dependente deste departamento autonómico.

Así mesmo, contará cunha axuda do 70 por cento do orzamento da convocatoria estatal de realización de proxectos e actuacións para o desenvolvemento de contidos e servizos dixitais de calidade, do Plan Avanza.

O obxectivo principal deste proxecto é identificar, definir e levar á práctica un modelo de reutilización da información xerada pola fundación, así como pola consellería, para permitir aproveitar "ao máximo" o seu potencial de valor.

Ademais, o departamento que dirixe Fernando Blanco, explicou que a importancia "estratéxica" reside en facer da reutilización, non só unha resposta aos principios legais vixentes, senón tamén un fundamento de actuación para "maximizar" o valor da súa actividade.

Precisamente, engadiu que a información xerada polo sector público no desempeño das súas funcións ten un "elevado" valor económico e social que "desgraciadamente" tende a desaproveitarse ao non haber unha reutilización "efectiva".

Así, para tratar de frear a perda, pon en marcha esta iniciativa que ten como finalidade contribuír ao crecemento económico, á creación de emprego e ao desenvolvemento social.