A Xunta participa hoxe na conferencia anual sobre innovación da Asemblea Europea de Rexións

Actualizado: lunes, 27 octubre 2008 10:05

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 27 Oct. (EUROPA PRESS) -

A Consellería de Innovación e Industria asistirá hoxe e mañá á conferencia anual da Asemblea Europea de Rexións (AER) con motivo da candidatura que este organismo concedeu á Rede de Plataformas Tecnolóxicas de Galicia, Neurona, que opta ao galardón dirixido a premiar as accións de autoridades rexionais europeas destinadas a implantar iniciativas innovadoras nos seus territorios.

Unha delegación do departamento de Fernando Blanco estará presente no encontro, que se celebrará na rexión austríaca de Linz, e que se centrará na 'Innovación, creatividade, diversidade. A dimensión rexional da excelencia económica europea'.

Innovación e Industria promoveu, no marco do Plan Galego de I+D+i 2006-2010, fai dous anos a creación da Rede de Plataformas Tecnolóxicas de Galicia como unha estratexia de vertebración do sistema galego de innovación.

Na actualidade existen 17 plataformas tecnolóxicas, entre as que figuran a das TIC, Audiovisual, Produto gráfico e Libro Galego, Naval, Pesca, Automoción, Enerxía, Acuicultura, Medio Ambiente, Agroalimentación, Madeira, Granito, Materiais e Biotecnoloxía, Forestal, Loxística e Nanotecnoloxía.

Unha vez impulsadas as novas plataformas, a Administración galega creou a rede Neurona para a súa cohesión e intercambio de información e experiencia entre estes centros, así como elemento de vinculación coas entidades públicas. Nesta rede traballan hoxe case 1.000 empresas e 50 asociacións empresariais, vinculadas en proxectos de investigación e innovación.

Os proxectos presentados aos premios AER son avaliados por un xurado internacional e as rexións gañadoras anunciaranse o 14 de novembro de 2008 durante a asemblea xeral desta entidade na Rexión de Tampere, Finlandia.