30 de noviembre de 2020
8 de agosto de 2007

A Xunta pon a disposición da cidadanía 133 Puntos de Información Dixital do servizo público de emprego

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 8 Ago. (EUROPA PRESS) -

A Consellería de Traballo xa puxo a disposición dos seus cidadáns 133 Puntos de Información Dixital (PDI) do servizo público de emprego, repartidos polas catro provincias. Estes dispositivos teñen por obxecto ofrecer información sobre emprego aos cidadáns aos que lles queda lonxe a súa oficina correspondente. Ademais, axudan a reducir as tarifas burocrátivas dos técnicos deste servizo.

Esta iniciativa, segundo informou a Consellería de Traballo nun comunicado, forma parte das medidas que o departamento porá en marcha para o desenvolvemento dun novo Servizo Público de Emprego (SPE) que atenderá as necesidades que os axentes económicos e sociais formularon durante o proceso de diálogo social.

Desta forma, o departamento que dirixe Ricardo Varela, a través da Dirección Xeral de Formación e Colocación, pretende achegar o SPE aos cidadáns mediante dúas apostas fundamentadas nas posibilidades das novas tecnoloxías: o Portal de Emprego e os PDI.

A través do Portal de Emprego (http://emprego.xunta.es), os usuarios poden renovar a tarxeta do paro dende calquera ordenador, así como consultar as ofertas de emprego, modificar o seu currículo, intercambiar mensaxes coa oficina de emprego e presentarse como aspirantes a ofertas de traballo.

Os PDI, similares na forma a un caixeiro automático, serven para acceder ao Portal de Emprego e a todas as súas aplicacións. Aquelas persoas que os queiran utilizar teñen que acudir á oficina de emprego para que lles habiliten a pegada dixital.

Así, na provincia da Coruña hai 46 puntos de información; en Lugo, 26; Ourense conta con 27, e en Pontevedra hai 34. O obxectivo da consellería é chegar aos 198 en toda Galicia.