A Xunta pon en marcha o primeiro simulador forestal de Galicia que se empregará para a aprendizaxe profesional

Actualizado: domingo, 7 febrero 2010 12:30

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 7 Feb. (EUROPA PRESS) -

O Centro Integrado de Formación Profesional de Santiago puxo en marcha o primeiro equipo tecnolóxico de simulación forestal que se instala en Galicia, o cal permitirá ensinar aos futuros operarios o manexo de autocargadores e de procesadores forestais.

Este sistema de última xeración, adquirido pola Consellería de Traballo e Benestar, é o "máis completo", segundo resaltou a Xunta, existente no mercado polo que reproduce con máxima exactitude as situacións do ámbito real de traballo.

Nesta liña, o sistema desenvolve múltiples escenarios posibles ata simular o movemento da máquina segundo as características do terreo ao contar cunha plataforma móbil. O emprego deste tipo de equipos é habitual en países como Finlandia, Canadá ou Suecia; mentres que a implantación desta tecnoloxía é máis recente en España.

Así, o simulador conta cun potente sistema informático que se encarga de xestionar as operacións mentres que un programa de imaxe de alta definición fai que o operario perciba con realismo cada paso do proceso. Ademais, pode rexistrar o resultado de todos os exercicios realizados polo alumno.

Desta forma, o Centro Integrado de Formación Profesional de Santiago pasou a formar parte da nova Rede de Centros de Referencia Nacional na especialidade de forestal.