A Xunta presenta en Nova York o programa para captar científicos de alto nivel para proxectos estratéxicos

Actualizado: viernes, 12 diciembre 2008 19:55

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 12 Dic. (EUROPA PRESS) -

Unha delegación da Consellería de Innovación, encabezada polo director do 'Programa Unidade de Captación de Intelixencia Estratéxica' (IMAN), Domingo Docampo, presentou en Nova York esta iniciativa para captar científicos de alto nivel para proxectos estratéxicos.

Esta unidade mantivo a súa primeira reunión internacional para servir de punto de encontro con algúns dos máis destacados investigadores galegos que están a desenvolver a súa carreira profesional nos Estados Unidos.

Os investigadores asistentes chegaron dende diferentes lugares e centros de investigación de Estados Unidos e que traballan nas universidades de Harvard, Yale, Alabama, Syracuse, Winsconsin, Carolina del Norte e de Nova York.

Ademais, estiveron presentes científicos que exercen este labor nas empresas farmacéuticas Elli Lilly and Company en Indianápolis e Novartis en Massachusetts, e o 'Drexel University College of Medicine' de Philadelphia.

O Programa IMAN, posto en marcha en xullo de 2007 pola Consellería de Innovación, conta cunha inversión do 5 por cento do Programa de Recursos Humanos do Plan INCITE, o que suma uns 8 millóns de euros ata 2010.