A Xunta presenta un sistema pioneiro de transmisión a PDA para tomar decisións no escenario de emerxencias

Actualizado: viernes, 11 julio 2008 21:31

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 11 Jul. (EUROPA PRESS) -

O conselleiro de Presidencia, José Luis Méndez Romeu, presentou hoxe o proxecto Emerxencias Galicia-Móbil (EGA-Móbil), un sistema pioneiro en España que se instala en terminais de PDA para mellorar a calidade na información que permita a toma de decisións en tempo real e no propio escenario das emerxencias.

Nun comunicado, a Xunta explicou que o sistema, que está sendo desenvolvido pola Consellería de Presidencia a través do Centro de Atención de Emerxencias 112, servirá para estender as funcionalidades dos servizos de emerxencia de Galicia.

Méndez Romeu avanzou que este ano haberá xa axentes nas incidencias con PDA que levan esta aplicación e que lles permitirá recibir información do 112. Así, todos os datos que se están a ver na sala de crise, na pantalla que recibe as incidencias, a recibe o persoal sobre o terreo.

Entre as funcionalidades do sistema, a Xunta destacou o acceso á información de incidencias, a asociación automática de fotografías ao incidente, a recepción de avisos personalizados e a posibilidade de acceder a todo tipo de documentos necesarios e a xestión GPS.

O programa piloto desenvolverase este verán e posteriormente a ferramenta estará a disposición dos usuarios finais, que son tanto os técnicos de protección civil como organismos e axencias vinculados a seguridade e emerxencias, como bombeiros, agrupacións de voluntarios e Grupos Municipais de Intervención Rápida (Grumir), entre outros.

CECOPI.

Así anunciouno o titular de Presidencia na presentación na Estrada da nova sala de coordinación de emerxencias da Xunta (sala Cecopi) para a campaña 2009, que está dotada "das tecnoloxías máis avanzadas", segundo resaltou Méndez Romeu, que explicou que así permitirá que os responsables poidan adoptar decisións operativas e exercer unha auténtica coordinación e dirección en tempo real.

A sala Cecopi conta co material necesario para dispoñer dunha rede informática de máis de 30 conexións de datos e máis de 15 conexións de voz. Está conectada co Centro do 112 e o seu sistema informático está composto por unha rede de 20 ordenadores portátiles de alto rendemento que reúne as últimas tecnoloxías, segundo informou a conselleria.

Por outra parte, o conselleiro tamén presentou hoxe o novo helicóptero para o apoio á xestión das emerxencias en Galicia, que o seu departamento acaba de contratar para os meses de verán e que participará en misións de coordinación na xestión de emerxencias, rescate de persoas, voos de vixilancia e urxencias sanitarias, entre outras.