As obras da estación de Thom Mayne en Vigo comezarán o 5 de novembro

 Abel Caballero, alcalde de Vigo
EUROPA PRESS
Actualizado: viernes, 19 octubre 2018 13:32

VIGO, 19 Oct. (EUROPA PRESS) -

As obras da estación do AVE deseñada por Thom Mayne en Vigo comezarán o 5 de novembro, cos traballos de instalación do armazón do complexo Vialia, segundo confirmou en rolda de prensa o alcalde da cidade, Abel Caballero.

Así, eses traballos prolongaranse durante 10 meses e, en canto finalicen, iniciarase outra fase, coa adecuación dos accesos (paralelamente ao avance da obra da estación). Para a realización dos accesos, investiranse uns 10,7 millóns de euros, dos que Adif financiará 6,6 millóns, o Concello de Vigo outros 2,3 millóns e a Xunta, 1,7 millóns.

A administración municipal encargarase da reordenación do tráfico e da construción dun túnel que dará acceso á autoestrada e ao complexo intermodal, e que suporá a eliminación do actual paso elevado polo que se entra á AP-9 desde a rúa Lepanto. Pola súa banda, a Xunta realizará as obras de acceso á estación de autobuses, que se construirá á beira do centro Vialia.

Abel Caballero quixo precisar este xoves que o goberno galego "non ten nada que ver coa estación do AVE", e que se limitará a construír unha terminal de autobuses cuxo deseño, aseverou, non deu a coñecer ao Concello. "Queremos que a estación de buses teña un deseño acorde con Thom Mayne, non un pastiche diante dunha gran obra", advertiu o rexedor.

Como consecuencia destas obras, realizarase unha reordenación do tráfico na zona. Así, permitirase o dobre sentido no acceso á autoestrada por Lepanto para facilitar a entrada e saída de camións á obra; do mesmo xeito, habilitarase a rúa Vía Norte para permitir o paso de grandes vigas que se empregarán na construción do armazón da estación da AVE.