Baixan un 3% as denuncias por violencia de xénero e aumentan un 37,6% as mulleres que renuncian a declarar

Publicado: miércoles, 17 octubre 2018 12:42

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 17 Oct. (EUROPA PRESS) -

Os xulgados galegos recibiron no segundo trimestre do ano 1.725 denuncias por violencia de xénero, un 3% menos que no mesmo período do ano anterior; mentres que a cifra de mulleres que renunciaron a prestar declaración no proceso aumentaron un 37,6%.

Así o evidencian os datos feitos públicos este mércores polo Observatorio contra a Violencia Doméstica, que reflicte tamén que o 88% dos axuizados en Galicia por delitos relacionados con violencia de xénero entre o 1 de abril e o 30 de xuño foron condenados, por encima da media do 85% de condenados a nivel nacional.

No segundo trimestre do ano, os xulgados galegos recibiron 55 denuncias menos por violencia de xénero que un ano antes, até 1.725. A maior parte delas, 1.217, a través de atestados policiais con denuncia da vítima, 181 por partes de lesións e 112 a través directamente da prexudicada (cifra que se duplicou con respecto á do ano anterior).

O número de mulleres vítimas de violencia de xénero rexistra neste período un leve descenso, até as 1.611, un 1,8% menos, das que 1.312 son españolas. Segundo os datos estatísticos, en Galicia aumentaron un 37,6% as mulleres que se acolleron á dispensa para non declarar, até as 117 (o 6,8% das vítimas).

Galicia continúa tendo unha taxa de violencia de xénero por baixo da media estatal, con 11,5 mulleres vítimas por cada 100.000 mulleres fronte á taxa de 16,8 puntos a nivel nacional.

ORDES DE PROTECCIÓN

Neste período, solicitáronse aos xulgados galegos 482 ordes de protección e medidas de seguridade a vítimas, un incremento do 1% con respecto ás 477 de hai un ano. Delas, adoptáronse o 63%, un total de 303, e denegáronse 176.

En canto aos agresores, os tribunais galegos condenaron no segundo trimestre do ano a 160 maltratadores, dos que 109 eran españois. Así mesmo, axuizáronse 74 menores (un 11,9% menos que hai un ano).