Común da Esquerda censura que Feijóo "xoga electoralmente" con baixadas de impostos nunhas contas "decepcionantes"

A deputada de Grupo Común dá Esquerda Luca Chao en declaracións aos medios
EUROPA PRESS
Publicado: viernes, 18 octubre 2019 13:15

   SANTIAGO DE COMPOSTELA, 18 Oct. (EUROPA PRESS) -

   A deputada do Grupo Común da Esquerda Luca Chao criticou que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, "xoga electoralmente con anuncios de rebaixas fiscais", que "preocupan por contraer ingresos", no marco duns orzamentos para 2020 que tacha de "decepcionantes".

   En declaracións á prensa este venres no Parlamento, Chao lamentou que as contas do Goberno galego para o ano que vén "insisten en aplicar medidas fracasadas", pois

   "non abandonan a páxina da austeridade", sen medidas para que "os de abaixo non paguen as consecuencias da desaceleración económica".

   A este respecto, censura que para 2020 "hai 2.000 millóns de euros menos en termos reais" nos orzamentos que hai 10 anos, cando Feijóo "chegou á Xunta". E é que se dedica "menos diñeiro para servizos públicos do que crece a economía", polo que pasan a ter un peso "menor".

   Reprocha que "a única gran proposta de Feijóo" pasa por "o desenvolvemento turístico propio dos anos 60 que non xera riqueza" nin "emprego de calidade", á vez que se encomenda ao "Apóstolo Santiago" a través do Xacobeo.

   Nesta liña, avisa de que as contas da Xunta "non van servir para recuperar todo o que se perdeu nos anos de crises", á vez que non hai ningunha proposta para situarse á "vangarda" en I+D+i, transición ecolóxica ou coidados.

   Por todo iso, a deputada de Común da Esquerda avisa de que "todo o sentido común insistiría en traballar na vía contraria" para que a "desaceleración non pese outra vez máis sobre as de abaixo".