Feijóo lamenta que o 'non' do Goberno a adiantar o toque de recollida "aboca" ás CCAA a adoptar máis restricións

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, nunha intervención antes do foro 'Next Generation'.
XUNTA
Publicado: viernes, 22 enero 2021 12:43

   O presidente da Xunta avanza "aínda máis" limitacións en hostalaría, deportes e mobilidade no comité clínico do luns

   SANTIAGO DE COMPOSTELA, 22 Ene. (EUROPA PRESS) -

   O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, lamentou que a negativa do Goberno central a que as comunidades adianten o toque de recollida máis aló das 22,00 horas "aboca" ás comunidades a adoptar "medidas máis restritivas".

   Así, avanzou a implantación de maiores limitacións nos próximos días --o comité clínico volverase a reunir o luns-- que afectarán "aínda máis" á hostalaría, á práctica do deporte e "mesmo ao illamento municipal".

   Nunha intervención aberta aos medios antes de participar na reunión do foro dos fondos europeos 'Next Generation' xunto ao vicepresidente segundo da Xunta, Francisco Conde, e ao conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, Feijóo insistiu en pedir que Estado "rectifique" esta decisión.

   De feito, asegurou que as medidas restritivas serían "menores" se "o toque de recollida funcionase a partir das 20,00 horas e todos nos refuxiásemos nas nosas casas, as medidas restritivas serían menores".

   Por iso, como o Goberno "non vai dar as ferramentas" ás comunidades, estas terán que "utilizar outras" para "restrinxir a mobilidade e determinadas condutas e comportamentos que teñen unha maior interacción social".

   Cabe lembrar que a Xunta decretou o peche total de toda actividade non esencial en Xinzo (Ourense), Viveiro (Lugo) e Arteixo (A Coruña) a partir deste xoves por ter unha incidencia maior ao milleiro de positivos por cada 100.000 habitantes en 14 días.

   En calquera caso, ante a posibilidade de que esta situación se estenda a outros municipios, Feijóo remitiuse ao que decida o comité clínico o luns, aínda que este venres o que haberá será unha reunión "dunha subcomisión" deste órgano.

   Todas estas declaracións realizounas o presidente galego despois de coñecerse que a pandemia encadea xa varias xornadas con marcas de contagios en Galicia --este venres, os datos de Sanidade reflicten máis de 1.800 infeccións en 24 horas-- e aumento progresivo da presión hospitalaria --932 ingresados, 137 deles en coidados intensivos--, o que "acredita a enorme tensión que está a sufrir o sistema sanitario".

   Aínda que reiterou que a galega está "entre as tres" comunidades con "menor presión" de UCI, Feijóo apelou a que isto "anime a seguir tomando medidas máis estritas e máis restritivas nos próximos días", lonxe de "tranquilizarse".

UN GOBERNO QUE "IMPIDE" XESTIONAR

   Así mesmo, o presidente da Xunta lamentou que o Goberno de España "xa non estea á fronte da pandemia" e que "impida ás comunidades autónomas xestionar con medidas máis razoables". "Abócanos a medidas máis restritivas", remarcou.

   Neste sentido, Feijóo explicou que se as comunidades piden unha ferramenta non o fan "simplemente por unha confrontación política ou por molestar ao Goberno", senón porque queren "acertar".

   Ao fío, puxo como exemplo de xestión outros países como Portugal, onde o primeiro ministro, António Costa, decretou a suspensión das clases en todos os niveis educativos, "unha decisión dunha enorme transcendencia". "É un primeiro ministro que está á fronte dunha crise", valorou.

   Tamén celebrou as "primeiras decisións" do novo presidente de Estados Unidos, Joe Biden; que o francés Emmanuel Macron puxese o toque de recollida a partir das 18,00 horas; así como a xestión do británico Boris Johnson e a "continua toma de decisións" da chanceler alemá, Angela Merkel.

   "E, con todo, en España parece ser que quen lidera a pandemia é un ministro que xa non é ministro, senón que é o candidato nunhas próximas eleccións (Salvador Illa) e que, cando os presidentes autonómicos pedimos que se nos deixe traballar, se nos negan as ferramentas básicas", censurou Feijóo.

"QUE MÁIS TEN QUE PASAR?"

   Por iso, desde "a responsabilidade da xestión", preguntouse "que máis ten que pasar para dicirlle aos cidadáns que despois de traballar hai que irse a casa". "Se non, imos pór en cuestión a propia capacidade de seguir traballando, de seguir impartindo docencia, ou imos colapsar os centros sanitarios", advertiu.

   "A lóxica e o sentido común levaranos a tomar unha decisión inmediata. É moito mellor previr que lamentar e xa non estamos en fase para seguir pensando. Temos que actuar e dígollo desde unha comunidade cunha presión hospitalaria das tres máis baixas de España", sentenciou o presidente da Xunta.