Actualizado 02/06/2006 22:15

Cultura distribuirá literatura galega e libros sobre a comunidade nas casas rurais da zona de Noia (A Coruña)

Galicia Actual

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 2 Jun. (EUROPA PRESS) -

As persoas que se hospeden nas casas rurais de Galicia terán acceso a unha escolma da literatura mediante a iniciativa 'Palabra na solaina', que distribuirá libros de ensaio, divulgación e literatura para difundir a realidade e a cultura desta comunidade.

O director xeral de Creación e Difusión Cultural, Luís Bará, presentou no Teatro Coliseo Noela de Noia esta iniciativa, que dedicará unha especial atención a Antón Avilés de Taramancos e que xa se iniciou en abril en Sarria.

'Palabra na Solaina' pretende dar a coñecer Galicia e a cultura galega utilizando as casas de turismo rural. Deste xeito, a xente que se hospeda nestes establecementos tamén contará con máis información sobre a Comunidade galega.

En cada unha das zonas nas que se faga entrega do lote de libros primarase un autor ou autora que teña ou tivese especial relación co lugar. No caso de Noia é o escritor Antón Avilés de Taramancos.

Así, os hóspedes atoparán nas habitacións o poemario 'Última fuxida a Harar'. A escolma de libros que se distribuirá está composta por 24 volumen de información e de divulgación sobre a lingua, a gastronomía, a historia e a cultura galegas; así como sete obras de poesía e seis novelas e coleccións de relatos. Xunto a eles haberá tamén 4 libros escritos por Avilés de Taramancos.

Nesta iniciativa da Consellería de Cultura colaboran Turgalicia, a Asociación de Escritores en Lingua Galega e, no caso de Noia, a asociación cultural Barbantia e a Casa da Gramática. No acto de presentación tamén se entregou o V Premio Relato de aventuras Antón Avilés de Taramancos, promovido polo concello e a revista Casa da Gramática do IES Virxe do Mar de Noia.