Actualizado 10/06/2006 20:59

Diego Ameixeiras, Jaureguizar e Agustín Agra resultan gañadores do Premio Xerais 2006

Galicia Actual

A Illa de San Simón acolleu o acto con máis 350 convidados do mundo da cultura e con Manolo Rivas como mantedor literario


SANTIAGO DE COMPOSTELA, 10 Jun. (EUROPA PRESS) -

'Tres segundos de memoria' é a obra coa que Diego Ameixeiras (1976) acadou o Premio Xerais de Novela 2006, fallado hoxe na Illa de San Simón, nun acto onde tamén se deu a coñecer o Permio Merlín de Literatura Infantil que conseguiu Agustín Agra con 'O tesouro da lagoa de Reids'; e o de Premio Fundación Caixa Galicia de Literatura Xuvenil que foi a para 'A Cova das vascas mortas' de Santiago Jaureguizar.

Esta festa literaria consistiu nun acto literario-musical, celebrado no Edificio Multiusos da illa de San Simón, ao que seguiu unha cea ao aire libre nos xardíns da illa. Á velada asistiron máis de 350 persoas dos diversos ámbitos da sociedade galega, entre os que se atopaba a conselleira de Cultura, Ánxela Bugallo.

Asemade, tamén aistiron a esta celebración distintos representantes da corporación do Concello de Redondela; o presidente da Federación de Libreiros de Galicia, Xaime Corral; representantes do mundo da política, Mª Xosé Porteiro, Xosé Manuel Beiras, Camilo Nogueira e un importante número de escritores, editores, libreiros e colaboradores da editorial.

No acto, presentado por Celia Torres, coordinadora dos premios, participaron os grupos de música tradicional Treixadura Gaiteiros e o Orfeón Treixadura. Deseguido, o escritor Manuel Rivas, mantedor literario do acto, pronunciou o seu discurso, titulado "A esfera na illa".

'TRES SEGUNDOS DE MEMORIA'

'Tres segundos de memoria' e a última creación de de Diego Ameixeiras, xornalista que exerce en prensa, radio e televisión e que, até o momento, publicou as novelas'Baixo Mínimos' (Xerais 2004) e 'O cidadán do mes' (Xerais 2006), ambas as dúas protagonizadas polo detective Horacio Dopico.

A historia gañadora é a dun mozo de 30 anos, parado e á espera de que lle chegue á próxima oferta de precariedade laboral, que deambula pola vida contando o seu día a día sen especiais proxectos de futuro e sen contas que saldar co pasado.

O protagonista desta novela á que o xurado acordou concederlle o Premio Xerais de Novela 2006 é unha persoa sociable e ocorrente, que pasea polo seu relato en primeira persoa o que el denomina o post-fracaso, unha actitude con fortes doses de cinismo ante a vida. O único fío condutor de toda a narración é a interacción dese personaxe cos seus amigos sen moitos máis obxectivos visibles que o disfrute do sexo.

'Tres segundos de memoria' podería ser entendida tamén como unha obra que retrata, desde o punto de vista masculino, toda unha xeración, a das persoas que naceron a finais de década dos 70, dando pé, con frecuencia, á aparición dos idearios e as referencias culturais desa xeración. Os que habitan Tres segundos de memoria son personaxes mozos, fracasados, maiormente cultos e con estudos pero desenganados e intencionadamente afastados dunha cultura que só os levou a engrosar as filas do paro e, se cadra, a prolongar traumaticamente unha adolescencia que xa non lles corrrespondía.

Nas súas primeiras declaracións tras coñecer a noticia do premio Xerais, Diego Ameixeiras manifestou que o protagonista de 'Tres segundos de memoria' pretende ser un "cínico consumado" e un "castigador de manual" adicto ás películas de Clint Eastwood, "pero só consegue ser un anónimo sentimental ao que todo lle sucede coa música alta e cunha cervexa quente na man".

PREMIO MERLIN

'O tesouro da lagoa de Reid's' de Agustín Agra (Noia, 1966), é un texto de literatura fantástica cunha forte pegada realista. A novela contén a narración que un avó desenvolve, diante dos seus netos Paulo e Aldara, nunhas vacacións de verán na casa familiar de Outeiro, sobre a historia do tesouro da Lagoa de Reid 'Is.

A recreación de lendas tradicionais galegas sobre un fondo de materia artúrica, a recuperación da oralidade, a creación toponímica sobre estruturas galegas (Cidadepedra, país de Alenmar), o emprego dun léxico rico, inzado de referencias literarias e mitolóxicas, a reinvención de personaxes como o Gaiteiro Manfred (que toca muiñeiras de auga para que lle leven a tristura) foron algúns dos elementos máis salientables da obra sinalados polo xurado.

Agustín Agra declarou, cando coñeceu a noticia, estar moi sorprendido por recibir o premio Merlín. "Pouco hai que contar de min. Son como o Balbino de Neira Vilas: ninguén". Asemade, recoñeceu que o relato que enviou ó Merlín era a súa primeira aproximación á literatura infantil.

"Escribino para facerlle un agasallo polo seu aniversario a un meu sobriño de dez anos e que aínda non leu, espero darllo en libro na vez de nuns folios grampados tirados da impresora", explicou.

LITERATURA XUVENIL

"A Cova da Vacas Mortas" de Santiago Jaureguizar (Bilbo, 1965), xornalista que traballa en 'El Progreso' de Lugo. Como narrador ten publicados numeroso libros como Fridon spik (Xerais 1995, 2003); narracións breves coma 'Comendo espaguetis diante da televisión' (Xerais 1998); novelas coma 'As horas sucias' (Xerais 2001), 'Breve crónica universal da clase obreira' (2001) ou 'Cabaret Voltaire' (Premio Manuel García Barros 2005).

A obra merecedora do Premio Fundación Caixa Galicai de Literatura Xuvenil é a dun mozo de Negueira de Muñiz que vive coa súa nai, de orixe alemá, nunha comuna na aldea de Foxo, lugar que tivera que ser abandonado polos seus habitantes debido á construción do encoro de Salime.

Farto da vida que leva soña con poder marchar de alí e embarcar nun petroleiro. A vida de Xoel cambia o día en que o seu avó, viúvo e enfermo de alzheimer, chega a Foxo dende Berlín para reencontrarse coa filla. Entre a equipaxe, trae unha maleta chea de fitas de cine e mais unha cámara super 8. O vello cóntalle que foi colaborador da polémica e xenial directora de cine alemá Leni Riefenstahl, acusada de simpatizar co réxime nazi.

O xurado considerou merecente deste galardón a 'A Cova das Vacas Mortas', en primeiro lugar pola súa riqueza temática e pola capacidade de construción dun protagonista adolescente que afronta con valentía os problemas derivados do contorno en que lle tocou vivir.

Ademais, destaca a lectura áxil da novela, grazas aos abundantes e ben construídos diálogos e a unha lograda ambientación espacial que, sen exceso de descricións, consegue transportarnos afectivamente ao lugar onde se desenvolven os acontecementos.

Jaureguizar comentou que Xoel, o protagonista da súa novela, deberá enfrontarse coa "crueza da vida, a fascinación do amor e, nomeadamente, coas consecuencias de comprometerse participando ou sendo espectador cando agroma a barbarie colectiva". "A cova das vacas mortas é unha novela sobre a asunción de responsabilidades, propias e colectivas", resumiu.