Innova.- Innovación destina 90.000 euros a actividades para difundir e formar sobre a sociedade da información

Actualizado: jueves, 6 abril 2006 22:03

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 6 Abr. (EUROPA PRESS) -

Fundacións, asociacións e outras entidades sen ánimo de lucro poden concorrer dende hoxe ás axudas que convoca a Consellería de Innovación e Industria para impulsar a realización de actuacións de difusión e de formación relacionadas con fomento da sociedade da información en Galicia.

Á concesión destas axudas, que terán a modalidade de subvención, a consellería destina un total de 900.000 euros dos orzamentos de 2006. Así, o departamento dirixido por Fernnado Blanco subvencionará proxectos relacionados coa organización de eventos, como xornadas, conferencias ou congresos de profesionais especializados que teñan por obxecto a promoción e difusión de materias relacionadas coas infraestruturas e servizos de telecomunicacións e tecnoloxías da información.

Tamén son obxecto de subvención as actuacións orientadas a satisfacer as necesidades formativas específicas das persoas que desenvolvan ou vaian desenvolver a súa actividade profesional no sector das TIC, dende a electrónica, a informática, o tratamento da información ou as telecomunicacións ata os servizos de valor engadido.

Asemade, a convocatoria tamén se encamiñará a apoiar actuacións que proporcionen aos traballadores coñecemento sobre o uso e manexo das novas tecnoloxías, que os capaciten para un mellor desempeño do seu posto de traballo actual ou futuro.

As axudas cubrirán os custes relativos a gastos de difusión, de profesores ou á organización das actividades formativas, gastos de elaboración do material e de adquisición do equipamento tecnolóxico, entre outros. As axudas poderán acadar, con carácter xeral, unha contía máxima do 70% do investimento subvencionable para cada proxecto, cun límite de 60.000 euros de subvención.