A alcaldesa de Cabanas "meditará" a posibilidade de dimitir despois de que llelo propuxese a dirección do PSdeG

Actualizado: viernes, 22 septiembre 2006 21:44

FERROL, 22 Sep. (EUROPA PRESS) -

A alcaldesa de Cabanas (A Coruña), Modesta Anca, "meditará" a próxima semana a posibilidade de dimitir tras 22 anos á fronte do Goberno municipal, despois de que a dirección do PSdeG lle propuxese renunciar ao seu cargo despois da sentenza que a condena a oito anos de inhabilitación por un delito contra a ordenación do territorio.

Segundo fontes socialistas consultadas por Europa Press, a rexedora prevé reflexionar a súa marcha aproveitando unha viaxe de sete días que xa tiña programadA antes de emitirse a sentenza, e polo que situará o tenente de alcalde, José Rey, como rexedor en funcións.

Neste sentido, o PSdeG trasladou a Anca que "non merece rematar a súa carreira así" e, sempre no marco da "presunción de inocencia", lle aconsellou que cedese o bastón de mando como "mostra de compromiso coa cidadanía e co propio partido".

Pola súa banda, a dirixente local asegurou que "en principio o vai meditar e consultalo" cos seus achegados se ben, en declaracións a Europa Press, rexeitou que o PSdeG lle fixese esta oferta e insistiu en que non ten por que abandonar o cargo posto que "a sentenza non é firme".

INOCENCIA

De igual forma, reiterou que "non é culpable" dos feitos que se lle imputan, que fan que non poida concorrer ás municipais do mes de maio, tras ser condenada a oito anos de inhabilitación e a pagar unha multa de 5.400 euros por un delito, segundo a sentenza da sala do Penal número 1 de Ferrol emitida hoxe.

Así, rexeitou pronunciarse sobre a sentenza e aclarou que "o"terá que facer o avogado", se ben insistiu na súa inocencia ata que haxa unha sentenza en firme. Ao respecto, o defensor, José Ignacio Santaló Junquera, confirmou que recorrerá, mentres que a acusación particular, exercida polo ex voceiro de Iniciativa Veciñal Cabanés, Salgado Cortizas, e representada polo letrado Bustabad Ferreiro, estudará hoxe mesmo se pide que se continúe o proceso para o resto dos edís imputados "porque non están absolvidos".

Ao respecto, asegurou a Europa Press que a sentenza é "moi boa", aínda que admitiu que esperaba máis". Así, declarou que aínda que a alcaldesa recorra, segundo o veredicto, "hoxe é unha delincuente e ten antecedentes penais".