A Asociación Amadores da Música e a Escola de Música e Danza de Ribadeo presentarán mañá a súa revista 'Musiqueando'

Actualizado: viernes, 14 abril 2006 18:59

LUGO, 14 Abr. (EUROPA PRESS) -

A Asociación Amadores da Música, a Banda Municipal de Ribadeo, a Escola Municipal de Música e Danza (EMMeD) de Ribadeo e a Concellaría de Cultura do concello lucense de Ribadeo presentarán mañá sábado 15 de abril o primeiro número de 'Musiqueando', a revista oficial da EMMeD de Ribadeo e da Banda Municipal.

'Musiqueando', que sairá á rúa cunha tirada de arredor de mil exemplares, é un instrumento de comunicación que vén consolidar o traballo que estes dous proxectos educativo e musical levan desempeñando dende fai máis dunha década na vila ribadense.

Con 'Musiqueando', tanto a dirección da EMMeD de Ribadeo coma a entidade promotora da Banda, a Asociación Amadores da Música, en colaboración directa coa Concellaría de Cultura, queren reforzar a difusión das actividades que se levan a cabo, tanto dende unha como dende a outra, así como potenciar o mundo musical do seu entorno.

Polo tanto, 'Musiqueando' nace con vocación de converterse "nun nexo de unión do mundo da música na vila de Ribadeo, na comarca da Mariña, no Occidente Asturiano e no resto de Galicia".

Ademáis de dar conta de todo canto sucede na Banda e na Escola, 'Musiqueando' farase eco tamén do traballo que levan a cabo os diferentes colectivos musicais do lugar, sexa cal sexa o seu estilo, co fin de achegar ao público da revista "todo canto se está facendo no mundo da música" na zona.

CONTIDO

Nas súas páxinas o primeiro número de 'Musiqueando' dá conta da actualidade da Banda e da EMMeD de Ribadeo, dende os concertos até as actividades extra e académicas que están previstas para os próximos meses.

Tamén recolle sendas entrevistas co director do centro, Lourenço Cruz, e con dous profesores así como tres reportaxes, unha sobre o funcionamento da EMMeD de Ribadeo, outra sobre a Banda e a última sobre o ensino de ballet e pre-danza no centro. Un artigo do xornalista Pablo Villapol, un concurso e a axenda cultural do Concello de Ribadeo completan o número cero de 'Musiqueando'.

Nos próximos números a revista quere achegarse a toda canta actividade musical se está levando a cabo no concello, así como no redor, difundindo así as numerosas iniciativas musico-culturais que se levan a cabo no noso entorno.

Nos meses de verán preténdese poñer en marcha tamén unha edición dixital de 'Musiqueando'. A revista terá unha periodicidade trimestral, aínda que xa se traballa para que durante o I Campamento Musical de Verán de Ribadeo, en xullo, exista unha edición diaria da revista aínda que nun formato máis reducido.