A compañía teatral Quartoescuro inaugura mañá en Pontevedra a súa terceira mostra de teatro

Actualizado: domingo, 28 mayo 2006 20:15

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 28 May. (EUROPA PRESS) -

A compañía de Teatro Quartoescuro de Pontevedra inaugurará mañá luns a III Mostra de Teatro Quartoescuro, na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, coa obra 'Senten e Sintan', unha creación colectiva a partir de varios textos procedentes dos máis dispares autores.

A compañía explicou nun comunicado que en 'Senten e sintan' pódense atopar dende párrafos de dramaturgos como Samuel Beckett ou Ionesco, textos pop de Andy Warhol e Woody Allen ata dos autores galegos Suso de Toro, Xerardo Quintiá ou Miguel Sande. Desta forma se configura o guión dunha obra de teatro en constante creación. A montaxe está dirixida por María Rodríguez e Ángel Sousa.

A representación terá lugar ás 20 horas no auditorio da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación de Pontevedra e a entrada será de balde ata completar aforo. O martes día 30 e á mesma hora e no mesmo auditorio, será á quenda da compañía Quartoescuro Santiago coa montaxe 'Drama Estático nun Cadro'.

Escrita por Fernando Pessoa e adaptada e dirixida por Carlos Gulías, o elenco protagonista da peza confórmano Raquel Álvarez, Loreto Santos, Beatriz Losada e Carmen López. 'Drama Estático nun cadro', tamén coñecido por 'O mariñeiro', conta a historia de tres veladoras que narran a aventura dun mariñeiro que, náufrago e solitario nunha illa, inventa unha patria imaxinaria á que finalmente se trasladará.

Porén, esta conversación é soamente a escusa que utilizan as tres mulleres para facer caer ao espectador na verdadeira tea de araña da obra, que é a viaxe no tempo. A noite que dura a conversación das veladoras é a noite no teatro, e a patria imaxinada polo mariñeiro é só un soño comparado co lugar a onde elas levaron ao espectador, ao lugar no que converteron todo o teatro e, polo tanto, o mundo.