A Consellería de Cultura edita unha biografía sobre o músico galego Andrés Gaos

Actualizado: martes, 21 febrero 2006 21:29

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 21 Feb. (EUROPA PRESS) -

A Consellería de Cultura editou unha biografía que percorre a vida do músico galego Andrés Gaos, escrita por Rosa Fernández, quen presentou hoxe obra, xunto ao director xeral de Creación e Difusión Cultural, Luís Bará, no Museo de Belas Artes da Coruña, onde se celebrou tamén un concerto das obras de Gaos a cargo do pianista Severino Ortiz e mais o violinista Leonardo Blanco.

Nado na Coruña no 1874, no seo dunha familia de longa tradición musical, as primeiras noticias públicas da calidade artística de Gaos datan de 1883, cando actou no Liceo de Vigo, cidade á que decidiran trasladarse seus pais. O ano seguinte gaña un importante certame, organizado tamén na cidade olívica.

Formado en grandes conservatorios franceses e belgas, a súa traxectoria como intérprete, director de orquestra, compositor e pedagogo transcorreu nos mellores escenarios de Europa e de América. Na primeira mocidade, instálase en Buenos Aires, importantísima referencia no panorama cultural do cambio de século.

A súa autoridade no mundo da música, froito dunha carreira inzada de éxitos, levouno a ocupar cargos como a dirección dos Coros Sinfónicos Argentinos na Exposición Universal de París de 1937.

Entre as súas amizades figuran primeirísimas figuras da música da época, como Pau Casals, Alberto Williams ou Julián Aguirre, figuras cruciais da evolución musical arxentina de finais do século XIX e comezos do XX. En resumo, unha vida ateigada de experiencias vencelladas á elite cultural contemporánea, nun home que deixou patente na súa obra o orgullo dunha orixe galega presente en todo momento.