O Consello da Cultura reunirá á comunidade blogueira galega e lusa no Encontro EnBlogs'06

Actualizado: jueves, 30 marzo 2006 22:19

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 30 Mar. (EUROPA PRESS) -

O Consello da Cultura Galega (CCG) celebrará o 19 de abril 'EnBlogs'06: Encontro de blogs de Galicia e Portugal' para abrir as súas portas ao debate, a reflexión e ao intercambio entre os membros da comunidade blogueira galega e portuguesa e a todos os interesados nos novos fenómenos de comunicación en Internet.

O encontro quere reflexionar sobre os grandes e pequenos temas que rodean a creación de bitácoras: a tecnoloxía, o marco legal, os cambios sociais, as experiencias persoais e colectivas de creación, difusión e distribución de información e ideas a través deste formato.

A Sección de Comunicación do CCG, que analiza dende hai máis dunha década os cambios producidos na comunicación e na sociedade pola irrupción das novas tecnoloxías, non podía ser allea ao fenómeno dos blogs: diarios persoais na web e o formato emerxente máis coñecido deste novo movemento.

Na actualidade, cóntanse por centos o número de blogs activos en Galicia e Portugal que, en moitos casos, comparten e intercambian ideas e contidos. Este fenómeno forma parte da tendencia que nos últimos anos levou a Internet a gañar unha importante dimensión social.

Ferramentas accesibles e unha maior facilidade no acceso á informática facilitan a proliferación de novas voces que enriquecen a cultura, multiplican a presenza da lingua galega na rede e abren novos camiños para a comunicación, a creación e o intercambio de ideas.