O Consello Social e a Asociación de Antigos Alumnos da USC abren o prazo a candidaturas ao III Premio Humanitas

Actualizado: lunes, 19 junio 2006 20:59

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 19 Jun. (EUROPA PRESS) -

O Consello Social da Universidade de Santiago (USC) e a Asociación de Antigos Alumnos e Amigos da universidade compostelá (AAAAUSC) manteñen aberto ata o 31 de xullo o prazo para a presentación de candidaturas á terceira edición do Premio Humanitas, convocatoria aberta a todos os membros da comunidade universitaria e aos da AAAAUSC.

Este premio ten como obxectivo recoñecer as accións solidarias levadas a cabo durante o ano 2005 que se distingan polas súas cualidades humanas mediante a súa dedicación e implicación en actividades de carácter social e humanitario.

As persoas interesadas deberán presentar unha memoria detallada do seu proxecto, de entre cinco e 50 páxinas, así como o aval de dúas persoas que ben pertenzan ao Consello Social, á AAAAUSC ou ao Consello de Goberno da institución académica compostelá.

A persoa galardoada recibirá un diploma acreditativo, a insignia de prata da asociación e un premio en metálico por valor de 2.000 euros. O xurado encargado de avaliar as candidaturas presentadas reunirase en outubro e estará integrado polo presidente e o secretario da Asociación de Antigos Alumnos e Amigos da USC, o presidente e un vocal do Consello Social e polo reitor compostelán.

Para acadar máis información sobre este premio, as persoas interesadas poden visitar á paxina web da convocatoria: http://www.antiguosalumnos.usc.es/galego/humanitas.asp.