O Consorcio Audiovisual de Galicia destinará 21.000 euros para realizar actividades de formación audiovisual

Actualizado: miércoles, 12 julio 2006 21:02

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 12 Jul. (EUROPA PRESS) -

O presidente do Consorcio Audiovisual de Galicia, Fernando Salgado García, e o vicepresidente da Fundación Carlos Casares, Hakan Casares Berg, asinaron hoxe un convenio de colaboración que fará posible a realización de diversas actividades relacionadas co desenvolvemento audiovisual en Galicia, para o que o este organismo aportará 21.000 euros.

Fernando Salgado salientou o "prestixio da Fundación Carlos Casares" e nese senso afirmou que "é a mellor garantía para promover a sinatura dun convenio que permita, entre outras cousas, garantir a continuidade do curso de verán centrado nas numerosas variantes do audiovisual, que desde 2004 celebra anualmente a Fundación en Celanova".

O curso, que comeza hoxe, leva como título 'Documental:imaxinar a realidade' e con motivo deste evento tamén se realizarán proxeccións públicas na praza Maior de Celanova. Por outra parte, levarase a cabo unha xornada sobre língua galega e cine na área de influencia de Vigo co obxectivo de "analizar con rigor a realidade e expectativas desta importante inquedanza social e política", declarou Fernando Salgado.

O presidente do Consorcio referiuse ó audiovisual como un "sector estratéxico económico e cultural para este país" e engadiu que a entidade que el preside "dá prioridade á área formativa como un dos chanzos que a sociedade galega debe superar para encarrilar a normalidade no eido dunha comunicación globalizada na que a materia audiovisual é fundamental".