A Coruña acolle mañá un acto para celebrar o premio á mellor película acadado en Málaga por 'Os aires difíciles'

Actualizado: jueves, 6 abril 2006 22:20

A CORUÑA, 6 Abr. (EUROPA PRESS) -

O auditorio da nova Fundación Caixa Galicia na Coruña acollerá mañá pola noite un acto para celebrar o premio acadado por 'Os aires difíciles' no recente Festival de Málaga, onde se fixo co máximo galardón do evento: a Biznaga de Ouro á Mellor Película.

O acto contará coa participación do director Gerardo Herrero e o productor Pancho Casal, que serán os encargados de presentar ante os convidados ao pase especial da película a Biznaga acadada no certame.

Neste acto vaise tamén brindar unha homenaxe ao traballo dos dobradores galegos, en recoñecemento ao altísimo nivel acadado pola dobraxe en Galicia e polos seus profesionais, que figuran entre os mellores do Estado. Así, estarán presentes moitos dos membros do sector da dobraxe en Galicia, especialmente representados por Charo Pena, directora da versión galega de 'Os aires difíciles'.

Antes da proxección do filme, o acto contará coa intervención do director Gerardo Herrero; a directora da versión galega, Charo Pena; o director xeral de Comunicación, Manuel Fernández Iglesias; o conselleiro delegado dea Corporación Caixa Galicia, José Luis Méndez Pascual; e o productor do filme, Pancho Casal.

'Os aires difíciles' está protagonizada por José Luis García Pérez, Cuca Escribano, Pilar Castro, Andrés Gertrúdix e Roberto Enríquez, e conta no seu reparto con actores galegos como Monti Castiñeiras e Celia Freixeiro.

Trátase dunha produción de Tornasol e as productoras galegas Continental e Milú Films, que conta coa participación da Televisión de Galicia e o financiamento de Caixa Galicia. A súa banda sonora foi gravada nos estudios Mans Scoring Stage de A Coruña, coa axuda do programa Sonando 2005.