Cultura aproveitará a Feira do Libro de Bos Aires para afianzar a presenza cultural galega en Arxentina

Actualizado: jueves, 20 abril 2006 21:55

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 20 Abr. (EUROPA PRESS) -

A creación literaria e editorial galega estará presente na XXXII Feira do Libro de Bos Aires, o principal evento deste tipo no mundo de fala hispana. A Consellería de Cultura e Deporte instalará do 20 de abril ao 8 de maio un stand que recollerá unha escolma do traballo editorial que se realiza en Galiza.

O director xeral de Creación e Difusión Cultural, Luís Bará, reunirase entre os días 28 de abril e 1 de maio con representantes da colonia galega e do mundo cultural para reforzar a presenza cultural galega.

O stand da Consellería que dirixe a nacionalista Ánxela Bugallo levará á Feira de Bos Aires unha mostra das publicacións que se fan en Galiza, ademais de contar cun recinto preparado para a celebración de reunións e de contactos entre profesionais do sector editorial. Na edición de 2005 a Feira de Bos Aires tivo 1.200.000 visitantes, entre eles uns 8.000 profesionais do sector.

Luís Bará asinará un convenio de colaboración coa Federación de Asociacións Galegas de Arxentina para dotar de fondos bibliográficos galegos a biblioteca. Para estudar as posibilidades de mellorar as infraestruturas culturais galegas en Arxentina, Luís Bará entrevistarase con representantes do Instituto Arxentino da Cultura Galega e reunirase coa directiva do Centro Galego nas dependencias deste centro, un dos emblemas da presenza galega na capital arxentina. Tamén visitará o Museo da Emigración Galega.

No stand da Consellería na Feira realizarase o día 29 un acto literario-musical no que se presentará o libro A fin da terra, da autora galego-arxentina María Rosa Lojo. O acto contará coa actuación do grupo de música tradicional Sete netos. O día 30 presentarase outro libro, desta vez o poemario Polifonías, da escritora Marga do Val, ao que tamén asistirá o director de Galaxia, Víctor Freixanes.

O 1 de maio Luís Bará asistirá a un acto sobre a Memoria Histórica no que se presentará Poemas pola memoria, unha escolma de textos poéticos escritos desde 1936 que reivindican a recuperación da memoria e o traballo da resistencia antifranquista. Ao acto, que terá lugar no Salón do Exilio da Federación de Asociacións Galegas, tamén asistirá, entre outros, o o premio Nobel da Paz Adolfo Pérez Esquivel.